Saturday 16 de November de 2024

Adeac entrega ao Concello a bandeira Sendeiros Azul que voverá ondear no paseo marítimo de Caión


O itinerario que recibe o galardón é o tramo entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido.

O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e o edil Pablo Cambón representaron hoxe ao Concello da Laracha no acto de entrega das bandeiras dos Sendeiros Azuis celebrado na localidade madrileña de Las Rozas. A bandeira que recolleron de mans do presidente de Adeac, José Palacios, ondeará no Sendeiro de Saldoiro de Caión durante os próximos meses.
Este distintivo é outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) para recoñecer o papel das sendas e camiños de acceso ás praias como valiosos recursos para a interpretación ambiental, o desfrute da natureza e a realización de actividades deportivas e de ocio ao aire libre.
O Sendeiro de Saldoiro obtén o recoñecemento por undécimo ano consecutivo. É o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido.
En toda España hai 128 Sendeiros Azuis, dos cales 49 son itinerarios galegos pertencentes a 27 concellos diferentes, 8 deles na provincia da Coruña.
Ademais do Sendeiro Azul, o Concello da Laracha tamén presentou candidaturas a ADEAC para repetir en 2024 os recoñecementos de Bandeira Azul da praia de Caión e de Centro Azul de Educación Ambiental para o Museo dos Muíños de Golmar.