A Coruña foi a única cidade galega en crear unha oficina específica de atención ás persoas que fuxían da invasión rusa
O Consello de Contas de Galicia, no seu Informe de fiscalización «pronta» das medidas adoptadas polas entidades locais de Galicia para abordar a crise humanitaria provocada pola invasión de Ucraína, destacou a eficacia e coordinación de recursos do Concello da Coruña coa creación da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU), posta en marcha polo Goberno de Inés Rey no 2022.
O Consello de Contas sinala no informe que a nivel municipal, de acordo coa documentación ausente ou achegada polas entidades locais, non existiu coordinación dos recursos dispoñibles excepto no caso da Coruña. O órgano autonómico destaca o Concello da Coruña pola súa xestión, que dispuxo “dunha oficina propia e un programa completo de atención inicial”.
Tal e como explica o informe, a maioría dos programas municipais postos en marcha foron resultado de coordinar a nivel municipal as iniciativas particulares ou privadas que se produciron nos primeiros meses non marco da atención sociosanitaria de emerxencia. O Consello destaca así “a especial relevancia” do procedemento implantado polo Concello da Coruña, “que asumiu a creación dunha Oficina específica de atención ás persoas que foxen do conflito” para a coordinación dos servizos, con persoal imputado ao programa e aglutinando na web todos os recursos dispoñibles para as persoas refuxiadas.
Dende a súa apertura o 21 de marzo de 2022, un total de 338 persoas de nacionalidade ucraína pasaron pola OMAPU. O servizo atendeu a 142 unidades familiares: 161 mulleres, 51 homes e 126 nenos e nenas.
Máis información sobre os servizos da OMAPU
A Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno púxose en marcha como servizo de atención integral ás persoas refuxiadas que chegaban á Coruña, co obxectivo de coordinar a accións das diferentes entidades sociais da cidade e prestar servizo ás necesidades máis urxentes (aloxamento, manutención e escolarización de menores). A OMAPU conta cun servizo de tradución e interpretación para superar as posibles barreiras idiomáticas co persoal municipal ou para acompañar na execución de trámites oficiais coas administracións.
Ademais, o plan de medidas complétase cun servizo de atención psicolóxica para as familias das persoas refuxiadas que cheguen á cidade. Tamén se impartiron clases de español ou actividades de lecer e deporte, con preto de 20 entidades deportivas que se sumaron á oferta de actividades gratuítas ás persoas ucraínas atendidas no servizo municipal, fomentando a súa inclusión social na cidade. Ademais, púxose en marcha un sistema de tarxetas moedeiro co que as familias pudiron obter unha axuda de 50 euros mensuais durante tres meses para sufragar pequenos gastos.
Recoñecemento nos premios ESSA
O Concello da Coruña fora unha das entidades seleccionadas como finalista dos dos Premios Europeos de Servizos Sociais (European Social Services Awards – ESSA) pola creación da Oficina de Atención ao Pobo Ucraíno, situándose como referente na xestión a nivel europeo. Os premios ESSA concédeos anualmente a Rede Europea de Servizos Sociais (European Social Network – ESN), entidade de titularidade pública financiada pola Comisión Europea e integrada por máis de 150 autoridades públicas a nivel local, rexional e nacional, representando a máis dun millón de profesionais técnicos/as de servizos sociais de toda Europa.
O xurado, integrado por docentes de prestixiosas universidades, responsables dos servizos sociais públicos de cidades europeas e funcionariado da comisión europea entre outros profesionais independentes, escolleu a OMAPU como candidata ao premio á Mellor Práctica Colaborativa (Collaborative Practice), pola súa innovación para o cambio social.