Friday 22 de November de 2024

A Xunta incrementa o apoio ás festas de interese turístico de Galicia cun invesrimento de 500.000 euros


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria que amplía o apoio que recibirá cada concello beneficiario ata un máximo de 4.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria das axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia que incrementa o orzamento ata os 500.000 euros e o apoio que recibirá cada beneficiario, pasando de 3.000 ata un máximo de 4.000 euros.

A convocatoria de Turismo de Galicia é de concorrencia non competitiva, polo que se aceptarán as solicitudes por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Os interesados poden formalizar a súa solicitude a partir de mañá xoves 14 de marzo ata o 15 de abril. Poderán ser beneficiarios os concellos galegos nos que se celebren durante este ano 2024 festas de interese turístico de Galicia, que a día de hoxe superan as 140, e só se poderá conceder unha axuda por concello.

As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 4.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os gastos non acaden os 4.000 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe destes.

Con esta convocatoria búscase potenciar as festas co recoñecemento de interese turístico de Galicia e contribuir a parte dos investimentos directamente vinculados a elas. Así, sufráganse, entre outros, gastos vinculados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas… No caso de celebracións de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

90 festas o ano pasado
Estas axudas reforzan ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso das festas de interese turístico de Galicia, que, pola súa singularidade e tradición, se converten en importantes reclamos en distintos momentos do ano e tamén de xeito repartido por toda a Comunidade galega, aliándose así cos obxectivos de desestacionalización e diversificación do modelo turístico impulsado pola Xunta de Galicia. O ano pasado, ao abeiro desta convocatoria beneficiáronse ao redor de 90 festas.