A asociación veciñal programa a representación de “Heroinas cotiás”, do colectivo teatral Muiñeiras do Vento de Canido
A asociación veciñal Xuntanza de Lamas, de San Sadurniño, súmase ás actividades con motivo do 8M propoñendo unha representación teatral que terá lugar no local social do Chao o domingo ás 18:00h. Ao pequeno escenario do centro cultural subirá o grupo Muiñeiras do Vento -pertencente á asociación cultural Muíño do Vento- para representar a peza “Heroinas cotiás”, escrita e dirixida por Agustín Bolaños. Como apunta o seu título, a obra aborda o papel non recoñecido da muller na sociedade, tomando como referencia os distintos momentos da construción da cidade de Ferrol. A representación en Lamas será con entrada libre.
“Heroinas cotiás” estreouse o pasado mes de novembro cadrando coa celebración do 25N. Nunha entrevista coa xornalista Patricia Hermida publicada naqueles días en La Voz de Galicia, as protagonistas comentaban que a obra naceu no obradoiro de teatro que se desenvolvía en Canido dirixido por Agustín Bolaños, quen lles puña deberes para que achegasen realidades de persoas anónimas.
Dese labor colaborativo e de procura de inspiración no próximo, saíron as historias de “mulleres loitadoras e en moitos casos unhas loitadoras invisibles” representadas por Chus García, Sol Seoane, Keny e Chari Rocha, Patri Pérez, Esther Estévez, Alba Valiño e por Sabela Folgar e a súa filla Icía, que intervén nalgunhas escenas.
Elas dánlles vida “ás augadoras, ás que fixeron o dique, desde as carretadoras do século XIX ás historias das nosas avoas, das que se reivindican coa súa loita diaria”. Mulleres, en definitiva, “que fixeron cidade” e sen as cales, Ferrol “non pode concibirse”.
As “Heroinas cotiás”, chegarán ao local social do Chao convidadas pola Asociación veciñal Xuntanza de Lamas. A entidade organizou a representación para as 18:00h do domingo -con entrada de balde- encadrada na celebración do Día Internacional da Muller e como reivindicación de que “o mundo está construido tamén por mulleres”.
Prosegue a programación municipal do 8M
Ademais da representación teatral en Lamas, esta semana tamén temos outra cita co gallo do 8M organizada polo Concello. O mércores a partir das 18:00h poderemos seguir ao vivo por Facebook e Youtube a entrevista que lle vai facer a rapazada da Escola de Fútbol Irmandiños á deportista Beatriz Seijas. A conversa estará centrada na igualdade no mundo do deporte.
Por outra banda, o sábado 16 ás 18:00 na Casa da Cultura entregaranse os premios do concurso de microrrelatos con perspectiva de xénero promovido pola Área de Igualdade do Concello entre a rapazada do CPI. Leranse os microrrelatos gañadores e expoñeranse xunto cos escritos polas mulleres do concello asistentes ao obradoiro de redacción creativa que se realizou polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Neste caso, os microrrelatos realizados no obradoiro serán lidos pola poeta local María Teresa López Pouso, que tamén foi unha das participantes, e pechará o acto lendo algunha das súas poesías sobre esta temática