Esta feira constitúe unha oportunidade para promover os recursos e servizos turísticos galegos máis destacados, sobre todo os relacionados coa natureza, nun dos mercados emisores máis esixentes e con máis capacidade para viaxar de toda Europa
Turismo de Galicia iniciou a campaña de promoción internacional do ano 2016 coa presentación da oferta turística galega en Holanda, na feira Vakantiebeurs de Utrecht, na que presentou as principais novidades deste ano, en xeral, e o Camiño de Santiago e o turismo náutico, en particular.
Desde o pasado día 13 de xaneiro, Turismo de Galicia participa neste certame, que dedica o primeiro día exclusivamente aos profesionais do turismo e o resto das xornadas ao público xeral.
Esta feira constitúe unha oportunidade para promover os recursos e servizos turísticos galegos máis destacados, sobre todo os relacionados coa natureza, nun dos mercados emisores máis esixentes e con máis capacidade para viaxar de toda Europa.
Camiño de Santiago
Nesta feira, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia préstalle tamén unha atención especial á promoción do Camiño de Santiago co obxecto de difundir o fenómeno das peregrinacións a Compostela en Holanda e incrementar, así, o número de peregrinos desta nacionalidade que o ano pasado supuxeron un total de 3.500.
A presenza de Turismo de Galicia na feira Vakantiebeurs ten tamén como obxectivo reforzar a promoción do turismo náutico neste mercado emisor, que conta cunha clara vocación náutica e ofrece un gran potencial para Galicia.
Viaxeiros dos Países Baixos
Polo que respecta á demanda turística procedente dos Países Baixos, ao longo dos once primeiros meses do ano 2015, rexistráronse en Galicia máis de 30.000 viaxeiros, un 29% máis que no mesmo período do ano 2014.
Ademais, entre xaneiro e novembro de 2015 rexistráronse en Galicia máis de 47.000 pernoitas de viaxeiros procedentes dos Países Baixos, o que supuxo un incremento do 20,2% en relación ao ano anterior.
Próximas citas
Turismo de Galicia ten previsto participar ao longo deste mes nas feiras FITUR, MATKA, Thermalies e Holiday World. Así, entre os días 20 e 24 de xaneiro, a Comunidade galega participará de xeito global na feira FITUR 2016, de Madrid, un dos certames turísticos máis importantes de mundo e un dos mellores escaparates para a promoción turística de Galicia ao comezo do ano.
Neste ámbito, Turismo de Galicia tamén estará no Carrousel du Louvre, en París, para promover o turismo termal galego no certame Thermalies entre os días 21 e 24 de xaneiro, así como na feira MATKA de Helsinki, tamén nas mesmas datas.
Por último, este mes de xaneiro, Turismo de Galicia participará na feira Holiday World, de Dublín, para difundir os valores turísticos galegos entre o público irlandés, entre os días 22 e 24.