Dúas accións integran o itinerario formativo de competencias dixitais que promove a Concellaría da Mocidade da Pobra do Caramiñal a partir do mes de abril.
Esta medida busca, nas palabras do concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido, “seguir traballando no impulso da Casa da Mocidade para que, pouco a pouco, se converta nun espazo de encontro para a xente máis nova da nosa localidade, ben sexa a través de actividades de lecer ou doutras de natureza formativa.” E, desta vez, óptase pola aprendizaxe das novas tecnoloxías. “Contamos cun equipamento como, por exemplo, as impresoras 3D, que lle queremos achegar á cidadanía mediante novas propostas que redunden nunha maior capacitación dixital”, precisa.
O obradoiro de deseño e impresión 3D, cunha duración total de 8 horas, impartirase nos martes, no horario da mañá (de 10.30 a 12.30 horas) ou da tarde (17.30 a 19.30 horas) en función da opción con maior demanda. Está dirixido a tódalas idades.
Tamén se ofrece un curso de competencias dixitais básicas, de 30 horas. Desenvolverase ós luns, de 19.00 a 20.30 horas, e ós sábados, dende as 11.00 ata as 12.30 horas. Oriéntase a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.
Ámbalas accións son de balde. As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa obrigatoria a través do enderezo electrónico mocidade@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843281.