Inés Rey recordou que xa van máis de 18.000 entradas vendidas para esta edición, o que evidencia a boa acollida que ten o ciclo na cidade
O Coliseum rexistrará un novo cheo tras esgotarse todas as entradas para a actuación de Juan Dávila do 26 de abril
O Encontro Mundial de Humorismo presentou esta mañá a programación completa da súa agardada cuarta edición, que terá lugar na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio de 2024. Un completo programa de actividades paralelas en aberto para toda a cidadanía súmase deste xeito ao cartel do EMHU, con grandes figuras do mundo do humor e a comunicación como Silvia Abril, Antonio Resines, Juan Herrera, Jordi Moltó ou Raquel Martos, entre outras.
A alcaldesa, Inés Rey, presentou o programa acompañada polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita; a responsable de Cultura, Orixe e Gastronomía de Hijos de Rivera, Goretti Castro; e o secretario territorial da Delegación na Coruña da Xunta de Galicia, Severino Álvarez.
“Na Coruña e Galicia temos tradición e nivel na comedia e o bo humor, contamos cunha longa lista de referentes, da literatura á televisión e o cinema”, sinalou a rexedora, que destacou as cifras de venda de entradas, que superan os 18.000 billetes para diferentes espectáculos, con varios xa esgotados. É o caso de ‘La capital del pecado 2.0’, de Juan Dávila, que encherá o Coliseum o vindeiro 26 de abril.
Este 2024, o EMHU, a cita humorística máis relevante de España en canto a número de actividades e público, bateu o seu récord de entradas vendidas superando as 15.000 de 2023. Na súa cuarta edición, o EMHU reunirá na Coruña, durante once xornadas, ás figuras máis destacadas da comedia galega e estatal, como Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias,Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e o trío As R(h)umorosas (conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro). Serán case unha ducia de días nos que o humor e a improvisación provocarán o sorriso e o deleite do público da man dalgúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso ‘La capital del pecado 2.0’, ‘Mentes peligrosas’ ou ‘Esto no es un show’, mais tamén de producións propias como ‘Fantastic Colofon’ ou ‘Humoris Causa’, galas nas que o EMHU reúne en cada edición un elenco de grandes figuras que se atopan por primeira vez nun mesmo escenario.
Actividades paralelas do EMHU 2024
David Perdomo abandonará o salón da súa casa para desembarcar no EMHU 2024 con ‘El nicho’, o seu novo podcast de entrevistas, que, como el mesmo afirma, “cheiran a xofre” e no que xa se abriron en canle, con moito humor e retranca, figuras como Melania Cruz, Dani Rovira ou Lúa Mosquetera. Nesta ocasión tan especial, que suporá a inauguración do EMHU, Perdomo non podería elixir un mellor convidado: o seu gran cómplice sobre os escenarios Xosé A. Touriñán. Será o xoves, 25 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio da Sede Afundación.
O sábado, 27 de abril, ás 12.30 horas, tamén na sede de Afundación, o EMHU acollerá, por segundo ano consecutivo, a cita humorística-deportiva máis divertida da nosa escena: o ‘Match de impro’ da Escola Impro Coruña. Unha mestura entre deporte e espectáculo teatral na que dous equipos enfróntanse, durante un tempo definido, interpretando escenas improvisadas no momento, baixo as directrices marcadas nunha tarxeta, cumprimento co regulamento que marca o xogo e contando coa participación activa do público.
Pola súa banda, un dos cómicos televisivos do momento, Jordi Moltó, visitará por primeira vez o EMHU con ‘Lo que me enseñaron los mayores’, unha divertida proposta para reverter ese tráxico sentimento de facernos maiores, na que aborda algúns dos seus vídeos máis virais, unha sorte de emotivos experimentos sociolóxicos protagonizados por avós, cos que nos lembra que “a idade non é máis que un estado mental”. A súa conferencia, apta para todos os públicos, terá lugar no Teatro Colón, o martes, 30 de abril, ás 19.30 horas.
A entrada será gratuíta, previa recollida de invitación a través de Ataquilla ou no quiosco da praza de Ourense. Tal e como anunciou Inés Rey na presentación desta mañá, para facilitar o acceso tanto de maiores como de pequenos a esta proposta, o Concello reservará unha cota de entradas para as persoas usuarias dos Centros Cívicos municipais. Estas poderán solicitar a súa invitación nos propios centros, a través das canles habituais.
‘Cuidade con las bromas. Una mesa redonda sobre los peligros de la comedia’ é o título da charla que o mesmo martes, 30 de abril, ás 20.00 horas, reunirá na sede de Afundación a Dani Alés, Luis Álvaro, Alberto Olmos e José María Rodríguez Santos, entre outros. Deste xeito, un prestixioso columnista, un teórico da comedia e dous dos máis refinados cómicos de ‘stand-up’ nacionais daranse cita na Coruña para falar, con humor e sen andrómenas, sobre algúns dos asuntos máis polémicos e delicados do mundo da comedia.
O EMHU 2024 terá espazo, tamén, para a presentación do último libro dunha das cómicas máis importantes do país: Silvia Abril descubrirá de primeira man ‘Perdidas de la risa’. Este é o título do novo traballo de non ficción da artista, que charlará de forma distendida xunto ao director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, o venres 3 de maio, ás 19.00 horas, na libraría Santos Ochoa (rúa Teresa Herrera, 3).
Ao día seguinte, o sábado 4 de maio, ás 12.30 horas, chegará a quenda de Juan Herrera – creador de formatos como Humor Amarillo, El Hormiguero e guionista na primeira etapa de El Club de la Comedia-, Álex Clavero, Luis Piedrahita e Raquel Martos, protagonistas, todos eles, dalgúns dos proxectos máis exitosos e creativos da radio, a televisión e o teatro das últimas décadas. Ao redor dunha distendida mesa redonda no auditorio da sede de Afundación, baixo o título ‘El negocio del humor’, os catro debaterán sobre a comedia como unha actitude ante a vida, expoñendo as súas experiencias, os seus éxitos e, como non, algúns dos seus fracasos.
O broche de ouro do programa de actividades paralelas deste EMHU 2024 será un dos podcasts máis seguidos do momento: ‘El sentido de la birra’. O seu condutor, o músico, cómico e youtuber Ricardo Moya, entrevistará, con público en directo, de forma relaxada,intimista e sen guión, a unha das figuras imprescindibles do audiovisual: Antonio Resines. Será o domingo, 5 de maio, ás 12.30 horas, no Teatro Colón.
Entradas e invitacións
As entradas aínda dispoñibles do EMHU 2024 están á venda na web oficial www.ehmu.es e na plataforma en liña Ataquilla. As invitacións das actividades paralelas que requiren reserva previa (‘Lo que me enseñaron los mayores’ e ‘El sentido de la birra’) poderán retirarse a través destas dúas plataformas a partir das 12.00 horas do luns 18 de marzo.
Programación por días
● 25/04, Sede Afundación | ‘El Nicho’, de David Perdomo. Con Xosé A. Touriñán. Entrada libre ata completar capacidade
● 26/04, Coliseum | La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila.
● 27/04, Sede Afundación | ‘Match de impro’, da Escuela de Impro Coruña. Entrada libre ata completar capacidade.
● 27/04, Palexco | ‘Mentes peligrosas’. Con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.
● 28/04, Teatro Colón | ‘Celebreixon’, de Roberto Vilar.
● 30/04, Teatro Colón | ‘Lo que me han enseñado los mayores’, con Jordi Moltó. Entrada gratuíta previa retirada de invitacións.
● 30/04, Sede Afundación | ‘Cuidado con las bromas: una mesa redonda sobre los peligros del humor’, con Alberto Olmos, Dani Alés, José María Rodríguez Santos e Luis Álvaro. Entrada libre ata completar capacidade.
● 01/05, Teatro Colón | ‘Go Home’. Con David Amor e Josito Porto.
● 02/05, Teatro Colón | ‘Esto no es un show’, de Galder Varas.
● 03/05, Afundación | ‘Tengo cosas para hacer’, de Dalia Gutmann.
● 03/05, Libraría Santos Ochoa | Presentación e firma de ‘Perdidas de risa’, de Silvia Abril, coa participación de Luis Piedrahita. Entrada libre ata completar capacidade.
● 03/05, Teatro Colón | ‘La nueva normalidad’, de Álex Clavero.
● 04/05, Sede Afundación | ‘El negocio del humor’, con Álex Clavero, Juan Herrera, Luis Piedrahita e Raquel Martos. Entrada libre ata completar capacidade.
● 04/05, Teatro Colón | ‘La ruina’. Con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.
● 04/05, Pazo da Ópera | ‘Humoris Causa’. Con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.
● 05/05, Teatro Colón | ‘El sentido de la birra’, con Ricardo Moya e Antonio Resines
● 05/05, Teatro Colón | ‘Fantastic Colofon’. Con As R(H)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro), David Cepo, Javier Veiga e Xosé. A. Touriñán.