As axudas, que se poderán solicitar desde mañá, están deseñadas para sufragar proxectos que se desenvolvan ao longo deste ano 2024
O Concello da Coruña abre mañá, 12 de marzo, o prazo para solicitar as subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro destinadas a actividades ou proxectos de interese social en materia de igualdade e diversidade e para as asociacións veciñais. O Goberno de Inés Rey mantén así o seu compromiso coa igualdade e a inclusión, apoiando o terceiro sector na posta en marcha de novos proxectos.
No ámbito da igualdade e da diversidade as axudas ascenden a 150.000 euros distribuídos en dúas liñas. A primeira, dotada con 90.000 euros, está destinada ao fortalecemento e o empoderamento do movemento asociativo. A segunda, dotada con 60.000 euros, ten como obxectivo realizar actividades de prevención das violencias machistas en sentido amplo e atención ás vítimas, accións pola defensa do recoñecemento e os dereitos das persoas LGTBQI e accións de promoción da igualdade de xénero.
No caso das subvencións para as asociacións veciñais o importe das axudas suma 60.000 euros distribuídos tamén en dúas liñas: a primeira, por importe de 25.000 euros, está deseñada para apoiar economicamente os gastos de funcionamento das asociacións veciñais que carezan de locais municipais en réxime de cesión ou noutras condicións de uso gratuítas durante o presente ano (no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro). A segunda, por importe de 35.000 euros, para apoio aos programas, proxectos e actividades de interese cívico, social ou cultural que realicen as asociacións do municipio durante este ano 2024 (entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro).
En ambos os casos, o prazo para solicitar as axudas rematará o día 11 de abril. Toda a información sobre as subvencións pode atoparse na páxina web do Concello.