Saturday 16 de November de 2024

O Concello abre hoxe o prazo para optar aos locais de ensaio municipais


O programa permítelle ás bandas emerxentes gozar dos medios necesarios para desenvolver os seus proxectos musicais

Desde este luns, 11 de marzo, pódese optar a unha das 48 prazas semanais de ensaio para o vindeiro semestre nos Locais de Ensaio do Concello da Coruña. Que, cando menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos, e que o 50% da agrupación acredite vivir ou cursar estudos actualmente na cidade son os dous únicos requisitos para gozar das 3 horas semanais de ensaio que se ofertan por grupo. A documentación requerida deberá enviarse ao enderezo de correo electrónico xuventude@coruna.gal.

As persoas interesadas poden descargar os impresos desde locaisdensaio.blogspot.com. O prazo ordinario de inscrición rematará o 3 de abril. Os novos horarios resultantes deste proceso comezarán a aplicarse a partir do 22 de abril.

Os novos grupos residentes terán a posibilidade de desenvolver, de balde, o seu proxecto musical nun espazo totalmente equipado, podendo gravar as súas composicións no estudio, depurar a súa imaxe corporativa, gañar experiencia enriba dun escenario en eventos e festivais, e recibir o apoio que precisen con titorías específicas para cada proxecto. A oferta enmárcase dentro das medidas para a promoción dos artistas locais que ten posto en marcha o Goberno de Inés Rey durante os últimos anos.

Nos últimos meses, máis de 30 bandas fixeron uso deste servizo municipal. Moitas delas mostraron os seus traballos nas salas de concertos da cidade, tentando facerse un nome dentro da escena local. Grupos que comezan a ser coñecidos pola cidadanía, como son Roda Door, Nordés, Batiscafo, Hell´s Heaven, Nuclear Waste ou Crimson And Clover.