― Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de 758 metros
― As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos
― O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Belelle ao seu paso polo concello de Neda.
Estas intervencións estanse a desenvolver no percorrido deste río ao seu paso por distintos lugares da parroquia de Santa María de Neda, en treitos que suman unha lonxitude total de 758 metros.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como de madeira morta para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Belelle quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa.
Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.