Contará con dúas sesións, o sábado 16 e o domingo 17, nas que intervirán poetas internacionais e galegos, estes últimos coordinados por Yolanda Castaño
As entradas para asistir ao evento sairán á venda na web dos Museos Científicos Coruñeses o luns 11 ás 10.00 horas
A Casa das Ciencias acollerá a fin de semana do 16 e 17 de marzo o festival de poesía e planetarios do proxecto europeo ‘Urban Travel Machines’ (‘Máquinas de Viaxar Urbanas’) no que intervirán poetas internacionais e galegos, que irán acompañados de imaxes proxectadas na cúpula e desenvolvidas á mantenta para cada poema. O Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso coa cultura e a creación de experiencias xenuínas nos Museos Científicos, como tamén é o caso do ciclo de música electrónica Molulartec.
O sábado 16 recitarán a poeta belga Julie Lombe, o poeta lituano Marius Povilas e as poetas galegas Alba Cid, Yolanda Castaño e Silvia Pena. O domingo 17 será a quenda do poeta grego Artemios Moulos, o surafricano Motswitla Hlakotsa e as galegas Estíbaliz Espinosa, Dores Tembrás e Antón Lopo. Ambas as dúas sesións terán lugar ás 20.00 horas e estarán pechadas polo coordinador do proxecto, Philip Meersman, cunha interpretación poética interactiva co público. As entradas para asistir sairán á venda o luns 11 de marzo ás 10.00 h na ligazón seguinte: https://ticketing.coruna.gal/mc2/utmachines/
A coordinación dos poetas internacionais e do desenvolvemento das imaxes que os acompañan correu a cargo do xestor cultural Philip Meersman e a especialista audiovisual Janna Beck. Mentres que a coordinación dos poetas locais estivo en mans da poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, e as imaxes destesúltimos foron xeradas polo creador italiano Vito Foderà e por Marcos Pérez, director técnico da Casa das Ciencias.
Proxecto «Urban Travel Machines»
Trátase dun proxecto financiado polo programa «Europa Creativa», que involucra desde outubro de 2022 a tres universidades (Escola de Arte, Deseño e Arquitectura, de Helsinqui-Universidade Aalto; Academia polaco-xaponesa de Tecnoloxía da Información, de Varsovia e a Real Academia de Belas Artes, de Anveres) e catro planetarios europeos (Tartu, en Estonia; Viena, en Austria; Bruxelas en Bélxica e A Coruña) no desenvolvemento de contidos poéticos de inspiración científica.
O proxecto prolongarase ata o outono do 2024, cun festival de peche no planetario de Bruxelas e xa organizou encontros creativos en universidades e festivais en planetarios co fin de promover obras poéticas contemporáneas, experimentais e innovadoras, para crear experiencias inmersivas no público de planetarios europeos, a través de actuacións en directo acompañadas de narracións orais e visuais.
Programa
Sábado 16 de marzo – Casa das Ciencias – 20.00 horas
Julie Lombé, Alba Cid, Yolanda Castaño, Marius Povilas, Silvia Pena e Philip Meersman. Domingo 17 de marzo – Casa das Ciencias – 20.00 horas
Artemios Moulos, Dores Tembrás, Motswitla Hlakotsa, Estíbaliz Espinosa, Antón Lopo e Philip Meersman.