• Miguel Ángel Sánchez del Río, especialista musical e organista de San Miguel dos Agros, pronunciou o pregón que sinala o comezo da Semana Santa 2024 en Compostela.
• Ao acto asistiron autoridades, representantes de todas as confrarías da cidade e numerosos veciños.
A Igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu esta tarde o Pregón da Semana Santa compostelá 2024, que correu a cargo do especialista musical e organista de San Miguel dos Agros, Miguel Ángel Sánchez del Río. No acto participaron o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto; o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a Directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; outras autoridades e representantes municipais e numerosos confrades e veciños da capital galega.
O pregoeiro centrou o seu discurso na importancia da música para a Semana Santa, sinalando que “música e Semana Santa levan intimamente unidas dende aquel primeiro Xoves Santo, dende o comezo mesmo das celebracións pascuais cristiás”. Facía así referencia ao relato da Última Cea dos evanxelistas Marcos e Mateo, que conclúen sinalando que “despois de cantar o himno, saíron cara o Monte dos Olivos”. Segundo os especialistas, trataríase do Salmo 22, que os xudeus empregaban como acción de gracias: “O Señor é o meu pastor, nada me falta”.
Sánchez del Río fixo un relato histórico da estreita relación da música e a Semana Santa, aludindo non só ás numerosas obras mestras da música que teñen a súa orixe na secuencia de acontecementos que evoca esta celebración, senón tamén á inxente cantidade de composicións creadas para o seu uso nestas datas.
Poñendo o foco nas procesións compostelás, destacou a procesión do Noso Pai Xesús Flaxelado como exemplo de ritmo, marcado por unha potente banda de tambores, pero tamén polos característicos golpes das cruces e as cadeas sobre as lousas do casco histórico. A procesión da Virxe das Dores foi escollida como exemplo de melodía, pois é tradición do Venres de Paixón cantarlle á Dolorosa ao seu paso pola Catedral e tamén antes da súa recollida. O Santo Enterro, pola súa parte, foi destacado como exemplo de harmonía. Algúns dos fitos musicais deste desfile son a interpretación da Marcha Fúnebre de Chopin na praza de Praterías, por parte da Banda Municipal de Música, a interpretación do Stabat Mater no arco de Salomé e o paso da urna polas naves da Catedral, ao son do Miserere. Con todo, Sánchez del Río non quixo deixar de poñer en valor os sons característicos de todas as procesións compostelás.
“A nosa Semana Santa é dunha abrumadora riqueza sonora e aínda podería selo máis se se conseguisen recuperar tradicións esquecidas”. Así reivindicou Sánchez del Río a recuperación de músicas e sonoridades hoxe perdidas, como elementos históricos diferenciais da nosa celebración. Algo que, na súa opinión, podería contribuír a conseguir para a Semana Santa de Santiago a buscada declaración de Interese Turístico Nacional e Internacional.
A música non estivo unicamente presente durante o pregón de Sánchez del Río. O acto contou con interpretacións da agrupación Sar Ensemble e da Banda da Confraría do Noso Pais Xesús Nazareno e a Santísima Virxe das Dores.
Ao pregón asistiron representantes de todas as irmandades da Semana Santa da cidade, unidas na Xunta de Confrarías que preside María Elena Bernárdez. Tras este discurso inicial, o programa de procesións comezará o venres 22 de marzo, denominado de Paixón, co desfile da Virxe das Dores dende a Igrexa de San Miguel dos Agros, ás 21:00h.