Friday 22 de November de 2024

Alfonso Villares resalta o esforzo para xerar valor desde a cultura vinculada ao litoral galego como o que realiza o GALP Costa da Morte con Novemares


O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, achegouse hoxe ao Náutico de Razo á primeira das xornadas sobre os Deportes do Mar que se celebran dentro da Iniciativa dos Foros Espazos Xeradores de Cultura do proxecto Novemares organizado pola Fundación Eduardo Pondal no seo do GALP Costa da Morte, unha iniciativa que conta co apoio da Xunta e con respaldo de fondos Fempa. Unhas institucións ás que felicitou pola súa importante labor na posta en valor do riquísimo e variado patrimonio cultural ligado ao litoral, ao igual que aplaudiu esta aposta por enxalzar o propio que vén do mar, desde a pesca á arquitectura, pasando pola gastronomía, as romarías, a literatura, o arte, a artesanía, deporte ou a lingua.

Alfonso Villares aplaudiu este orgullo de pertenza e aposta por unha remuda de futuro que lanzan desde Carballo, A Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, os concellos integrados no GALP Costa da Morte. Novemares é para o titular de Mar un exemplo perfecto de como os grupos de acción local constitúen un aliado perfecto na aposta da Xunta por preservar e activar todo o potencial deste patrimonio material e inmaterial a través do Plan da Cultura Marítima de Galicia. En canto ao GALP Costa da Morte que preside Evaristo Lareo, con Guillermo González na xerencia, desde 2016 desenvolveu 57 proxectos dos máis de 700 realizados en toda a comunidade polos GALP, cun investimento en axudas de máis de 5,3 millóns de euros. O colectivo está composto por 51 entidades, a quinta parte delas pertencentes ao sector pesqueiro.