O Concello de Frades culminou hoxe un mes de actividades conmemorativas do Día da Muller coa proxección de “Chicas nuevas 24 horas”, documental dirixido por Mabel Lozano sobre o negocio da explotación sexual en cinco países (Arxentina, Colombia, España, Paraguai e Perú). Un pase aberto a toda a veciñanza, que tivo lugar este mediodía no centro sociocomunitario, e un segundo pase para o alumnado do IES de Ponte Carreira, que se complementou cunha actividade educativa.
Á proxección asistiron o alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, quen lembrou que a exposición “Chicas nuevas 24 horas” aínda poderá visitarse no centro sociocomunitario de Ponte Carreira ata o vindeiro 15 de marzo. Así mesmo, Ferreiro Marzoa repartiu material conmemorativo do Día da Muller entre o alumnado do CPI Ponte Carreira e entre a rapazada de Abellá que estuda no colexio de Xanceda (Mesía).
O Concello de Frades complementou as actividades do Día da Muller instalando un punto lila na casa consistorial, que se trasladou tamén ás feiras de Abellá (1 de marzo) e Ponte Carreira (26 de febreiro) para informar, sensibilizar e asesorar sobre as agresións sexistas, repartindo variado material informativo.