No último ano as empresas de máis de 10 traballadores incrementaron en 5 puntos as vendas en internet e duplicouse a porcentaxe de microrempresas que fan uso do comercio electrónico
En 2015 as empresas galegas incrementaron as vendas online, situándose por riba da media estatal. Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia vendeu a través de Internet, cun incremento de case 5 puntos respecto de 2014. As microempresas rexistraron un incremento aínda superior con seis puntos máis que o ano anterior. En 2014 só o 4,2% das empresas de menos de 10 empregados rexistraban vendas a través da rede, unha cifra que ascendeu a máis do dobre en 2015, acadando o 10,6%.
Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2015, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, integrado por un total de 195.595 empresas, das que o 96,4% son microempresas – con menos de 10 traballadores.
Sinatura dixital, factura electrónica e ferramentas de xestión
O informe sinala que tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores e un 34,9% das microempresas galegas empregan a sinatura dixital. As grandes empresas galegas utilizan a sinatura dixital en maior medida que no conxunto do Estado, mentres que no caso das microempresas sitúanse en valores próximos á media estatal
En relación ao envío de facturas electrónicas as empresas galegas superan a media estatal, independentemente do seu tamaño. Nas de máis de 10 traballadores, a porcentaxe de empresas galegas que enviaron facturas electrónicas ascendeu ata a 17,9% fronte ao 14,5% da media estatal. No caso das microempresas galegas, a porcentaxe sitúase no 3,9% fronte ao 2,9% da media estatal.
Entre os resultados desta análise, cabe salientar que o emprego de dispositivos móbiles incrementouse significativamente no último ano, especialmente nas empresas máis grandes. Dúas de cada tres empresas galegas de 10 ou máis traballadores proporcionaron dispositivos portátiles con conexión a Internet para uso empresarial, 11,8 puntos máis que o ano anterior.
O tamaño da empresa inflúe de xeito decisivo no uso de servizos de Cloud Computing. Un 4% das microempresas compraron este tipo de solucións, elevándose a porcentaxe nas empresas máis grandes ata o 17,1%. As solucións de Cloud Computing máis demandas son o uso de e-mail, o almacenamento de ficheiros ou o servidor de bases de datos de empresa.
Por outra banda, as ferramentas ERP para compartir información sobre compras e vendas con outras áreas da empresa; e CRM para a xestión de vendas e información de clientes, están presentes no 44,5% e no 40% das as empresas galegas de máis tamaño, superando a media estatal en ambos casos.
Velocidades de contratación de Internet
A práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores dispón de Internet contratado. No caso das microempresas, este dato sitúase no 57,9%. O acceso á banda larga móbil segue aumentando nas empresas galegas de máis de 10 traballadores, situándose no 79,3% mentres que nas microempresas este indicador está no 60,2%.
Respecto ás velocidades, o 55,3% das grandes empresas contratan velocidades de 10 Mbps ou superior, fronte ao 44,3% das microempresas. Neste segmento empresarial, o indicador experimentou un aumento de 5 puntos porcentuais no tramo de velocidade superior ou igual a 10 Mbps.
Tamén cabe destacar que un 15% das empresas de 10 ou máis traballadores a xa conta con velocidades ultrarrápidas superiores aos 100 Mbbps, 3 puntos porcentuais máis que o ano anterior.
A visibilidade na estratexia empresarial
A dispoñibilidade de páxina web é un indicador significativo da visibilidade das empresas galegas en Internet. Un 78,1% das empresas de máis de 10 traballadores con actividade en Galicia posúe páxina web, fronte ao 28% das microempresas con conexión a Internet.
Outra tendencia na estratexia empresarial é a presenza en medios sociais, xa sexa a través de redes sociais (facebook, linkedln, Tuenti…), blogs de empresa, espazos con contidos multimedia ou outras ferramentas wiki de coñecemento. Un 39,6% das empresas de 10 ou máis traballadores con sede ou actividade en Galicia emprega as redes sociais sociais fronte ao 27,3% das microempresas. Os valores deste indicador para as empresas galegas superan lixeiramente a media estatal.
A maioría das empresas valora positivamente o uso dos medios sociais: preto da metade das empresas galegas consideran moi útil a súa utilización.
Trámites electrónicos coas Administracións Públicas e investimento en TIC
O informe sinala que un 91,7% das empresas de 10 e máis asalariados que teñen actividade en Galicia interactuou coas Administracións públicas través de Internet. No caso das microempresas con conexión a Internet, a porcentaxe sitúase no 72,7%, cunha subida de 6,1 puntos porcentuais respecto ao ano anterior, o que as sitúa por riba da media estatal.
A incorporación das TIC, tanto nos procesos internos como de negocio, permite a creación e absorción de talento e innovación para xerar novas oportunidades e promover o liderado das nosas empresas.
Neste senso, o gasto en servizos e consultas TIC constitúe a partida de gasto en TIC máis importante para as grandes empresas galegas, seguido do gasto en bens TIC. Entre as microempresas, a distribución do gasto é máis homoxénea, cun valor próximo aos 25 millóns de euros, no caso do gasto total en bens e o gasto en servizos e consultas TIC.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza
Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org