O Concello de Santiago conmemorou hoxe o Día Internacional das Mulleres cun acto institucional no que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes dos grupos municipais que integran a Corporación deron lectura a un manifesto. Tamén se celebrou a cerimonia na que se deu a coñecer o fallo do premio Xohana Torres, que recaeu na súa modalidade de ensaio/investigación en Montserrat Fajardo, polo seu traballo “Caídas” sobre “o Patronato, unha organización descoñecida para o público en xeral e oculto o papel que desempeñaba coas mulleres en Galicia” que contribúe a “visibilizar todas as violencias terribles”.
O Pazo de Raxoi acolleu ás 11 horas a lectura da declaración institucional con motivo do 8 de marzo, que abriu o concelleiro Xan Duro (CA), seguido das intervencións das concelleiras Mercedes Rosón (PSdG), Míriam Louzao (BNG), do edil Borja Rubio (PP) e con peche a cargo da rexedora.
Con esta declaración pública, aprobada de xeito unánime por todos os membros da Corporación municipal no Pleno do 29 de febreiro, reivindícase con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres 2024, o compromiso de Concello de Santiago a prol da “loita feminista” e en condena pola “desigualdade entre homes e mulleres”, un “problema estrutural que debemos combater con todos os recursos e todas as nosas forzas”.
A Declaración fai fincapé no compromiso municipal coa “defensa dos dereitos das mulleres para seguir avanzando na igualdade como sociedade” e recoñece a necesidade de que as administracións contribúan “cunha perspectiva integral e integradora, que dea impulso ás redes de colaboración entre mulleres e o conxunto do movemento feminista”, así como dun “maior grao de colaboración entre institucións, para sumar esforzos e garantir que se traballa cunha perspectiva transversal e coordinada”.
Neste sentido, o Concello de Santiago xa puxo en marcha nos últimos meses iniciativas como a elaboración do ‘Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGBTfóbicas no ocio nocturno’ ou a reactivación da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
Entre os compromisos recollidos no documento está o apoio de todos os grupos municipais ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista neste 8 de marzo, a posta a disposición de infraestrutura municipal das organizacións de mulleres, o fortalecemento dos servizos municipais de igualdade como a Casa Xohana Torres, dedicar un mínimo do 1% do orzamento municipal en políticas de igualdade e da prevención da violencia de xénero, a reforzo de persol do CIM e a elaboración do Plan de Igualdade neste 2024.
Premio Xohana Torres
Os actos de conmemoración do Día Internacional das Mulleres continuaron no Salón Nobre co acto de entrega do premio Xohana Torres 2023, nunha cerimonia que foi conducida pola alcaldesa e contou coa presenza dunha nutrida representación da Corporación municipal e dos membros do xurado. A traballadora do CIM María Jesús Taboada, en calidade de secretaria, foi a encargada de ler a acta do xurado e desvelar o nome da gañadora que nesta edición recaeu, na súa modalidade de ensaio/investigación, en Montserrat Fajardo, pola súa obra ‘Caídas’ da que se destacou “a súa calidade literaria, orixinalidade, relevancia histórica e social así como o interese actual da súa temática ao achegar a sociedade actual unha institución como foi o Patronato, unha organización descoñecida para o público en xeral e oculto o papel que desempeñaba coas mulleres en Galicia”.
O xurado, integrado pola alcaldesa Goretti Samartín; pola delegada do reitor da USC para a Igualdade, Marta Pérez; e polas profesoras da USC Marta Rodríguez, Yolanda Martínez, Ana Cabana, Beatriz Busto, Patricia Alonso e María Pilar Cagiao, valoraron a obra “Caídas” como merecente do premio pola súa contribución a “visibilizar todas as violencias terribles que dende a dita institución se recollen no texto, destacando o eco social na vida de moitas mulleres da xeración coetánea ao Patronato que viviron en primeira persoa moitas das violencias”.
A súa autora, Montserrat Fajardo, presente no acto, recibirá o premio de 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición da obra por parte de Edicións USC. A propia autora agradeceu o Premio e dedicoullo “a todas as mulleres que pasaron polo Patronato que é unha das institucións máis represora que tivo o franquismo, e porén foi unha das máis descoñecidas”. A autora galardoada explicou que a obra pretende afondar nesta realidade “que non só está silenciada, se non que en moitos casos se cría que o Patronato era unha institución benéfica” cando foi “un órgano de represión contra a sexualidade feminina”.
A modalidade de ensaio foi declarado deserta polos membros do xurado “por non acadar ningunha das obras presentadas o nivel de calidade técnica que se espera deste Premio”.
Goretti Sanmartín pechou a acto parabenizando a gañadora e cun recordo para a figura de Xohana Torres “esencial tanto para a poesía como para o feminismo” que “estaría encantada de que obra gañadora e o resto de traballos tivesen como eixe fundamental a memoria porque era un dos elementos aos que lle daba especial relevancia”.
Convocatoria Premio Xohana Torres 2024
O Concello abre tamén hoxe o prazo de presentación de obras para a edición 2024 do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creacións audiovisuais sobre as mulleres na sociedade galega. O prazo permanecerá aberto ata o 30 de decembro de 2023 ás 14:00 h.
A esta nova convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poden ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas.
Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, estarán dotados con 2.500 €, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC.