Contacontos e a creación de chapas nos colexios do municipio únense á posta en marcha dun itinerario de emprego para mulleres na procura de mellora laboral e un taller para coidadoras non profesionais
O Concello de Ponteceso aposta por ‘desestacionalizar’ o 8M e ofrecer iniciativas diversas en prol da igualdade durante as vindeiras semanas. Desde o executivo local enténdese que a reivindicación feminista non debe quedar unicamente no día de hoxe e en actos simbólicos, polo que durante o mes de marzo e ata xuño están programadas diversas actuacións dirixidas á rapazada do municipio e a diferentes colectivos de mulleres co obxectivo de xerar un impacto real tanto na educación como na vida desas mulleres.
Así, nos colexios do municipio desenvolveranse actividades de contacontos e un obradoiro de creación de chapas a prol da igualdade. Concretamente, o alumnado do Colexio Rural Agrupado Nosa Señora do Faro recibirá a visita de contacontos que lles ofrecerán historias cun marcado carácter de igualdade.
Doutra banda, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Eduardo Pondal e CEIP As Forcadas participarán nas escolas en talleres pola igualdade, que consistirán na creación de chapas. Trátase dun xeito de desenvolver as súas competencias artísticas á vez que se pon de manifesto a necesidade de convivir en sociedade e recoñecer homes e mulleres como seres humanos diferentes, pero á vez iguais.
Máis aló destas iniciativas educativas para o sector infantil, o Concello de Ponteceso colabora na organización, xunto coa Fundación Mujeres, dun itinerario de emprego. Trátase dunha formación para mellorar as competencias e habilidades dixitais para o emprego dirixido a mulleres desempregadas, mozas sen experiencia, maiores de 45, mulleres de familias monoparentais ou residentes no rural. É dicir, para mulleres que procuran unha mellora da súa situación laboral.
A primeira quenda desta formación arrinca o mércores 13 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas na Aula de Informática do Centro Cultural de Ponteceso. As outras dúas sesións serán os seguintes mércores, 20 e 27 deste mes, co mesmo horario e no mesmo lugar. A formación continuará os mércores de abril e maio (salvo o día 1 deste último mes). Todas as persoas interesadas en acadar máis información ou inscribirse poden facelo chamando ao Concello de Ponteceso, no teléfono 881983223 ou escribindo ao correo electrónico dolores.blanco@ponteceso.gal.
Por último -polo momento-, a Fundación Mujeres tamén pon en marcha a través do seu proxecto Cuidadanas un obradoiro destinado a coidadoras familiares ou excoidadoras co fin de traballar diversas temáticas que lle axuden no seu día a día. En total, están previstas dez sesións matinais de periodicidade semanal e dúas horas cada unha, a comezar o 8 de abril e ata xuño. As temáticas van desde o autocoidado e hábitos saudables ata a xestión emocional, as ferramentas para poñer límites, xestionar conflitos ou previr o acoso na rúa.
As persoas interesadas poden obter máis información sobre esta iniciativa, que prevé concretarse de xeito definitivo nos vindeiros días, chamando aos Servizos Sociais.