Monday 25 de November de 2024

O humor gráfico da arxentina Diana Raznovich chega  este 8M á Casa Museo Casares Quiroga cunha  mostra de banda deseñada en clave feminista 


O Concello promove tamén roteiros, obras de teatro e actividades  deportivas dentro da programación municipal do Día da Muller 

Este venres 8 de marzo conmemórase o Día Internacional  da Muller, unha xornada cunha intensa actividade institucional municipal e na que cobra  especial protagonismo a figura da novelista, poeta e ilustradora arxentina Diana Raznovich,  autora dunha nova mostra de humor gráfico en clave feminista, ‘Imparables’, que quedou  aberta ás visitas na Casa Museo Casares Quiroga ata o vindeiro día 31 de marzo. A alcaldesa,  Inés Rey, acompañada da concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, presidiu o acto  de apertura da exposición. 

“Desde o Concello continuaremos promovendo numerosas actividades que reivindican a  figura da muller e a importancia de que teña o mesmo peso en todos os ámbitos”, sinalou a  alcaldesa durante a súa intervención, apuntando que o 8 de marzo é “un día de reflexión,  mais tamén de acción” para avanzar cara a igualdade. 

Raznovich, nada en Bos Aires no ano 1945, foi alumna do escritor e poeta Jorge Luis Borges  na universidade bonaerense. Xa na década dos setenta, coa ditadura militar arxentina e a  desaparición do seu primeiro marido, emigrou a España, onde viviu primeiro en Madrid e,  actualmente, en Alacante. Durante anos, Raznovich traballou para o diario Clarín, o máis  importante da Arxentina. E, ademais, desenvolveu obras de teatro que foron traducidas a  diversos idiomas e representadas a nivel internacional. 

No referente ao seu traballo no eido da banda deseñada, Raznovich reflicte situacións cotiás  cunha mirada irónica coa que convida a reflexionar sobre o papel das mulleres na sociedade,  os seus avances e tamén o camiño que queda por percorrer. Neste sentido, a creativa  suramericana expón a súa intención de “construír realidades paralelas, ficcións e viñetas que  poñan de manifiesto a caducidade dos valores baseados na desigualdade”. E agrega que “o feminismo, un movemento pacífico, é unha revolución imparable para acadar a igualdade  entre mulleres e homes, unha revolución permanente na que lamentablemente aínda hai  moito por facer”.  

‘Imparables’, a nova mostra que chega mañá á Casa Museo Casares Quiroga incide  especialmente no “humor feminista, que escasea”, subliña Raznovich, que non puido asistir  ao acto de apertura. 

Unha xornada con múltiples actividades  

Inés Rey participou esta mañá tamén no acto conmemorativo convocado pola Delegación do  Goberno, onde recitou o poema ‘Ritos de Resisténcia’, do libro ‘Ruído’, de Luísa Villalta. A  rexedora quixo invitar á cidadanía a participar nos numerosos actos programados polo  Concello ao fío deste Día da Muller. A programación de actividades polo 8-M na Coruña inclúe  unha xornada de portas abertas no rocódromo municipal de Riazor. A través desta proposta  búscase incidir no fomento das actividades deportivas cunha perspectiva de xénero e tamén  achegar as novas xeracións a hábitos saudables, gozando de disciplinas deportivas  emerxentes como a escalada.  

Ademais, este mediodía tivo lugar o terceiro e último dos ‘Roteiros en feminino’ promovidos  polo Goberno de Inés Rey nesta campaña polo 8-M. A iniciativa, ideada para dar a coñecer  a historia das mulleres referentes da cidade que están presentes no rueiro da Coruña,  desenvolveuse na Cidade Vella.  

A alcaldesa invitou tamén á cidadanía a participar na marcha convocada ás 20.00 horas. A  concentración comezará no Obelisco e rematará na Fábrica de Tabacos. O Teatro Rosalía  de Castro tamén se une aos actos conmemorativos do 8-M coa primeira das dúas funcións de ‘Nevenka’, de Histrión Teatro en coproducción con Portal 71. A obra comezará, tanto hoxe  como mañá, ás 20.30 horas. 

Ás 21.00 horas, no auditorio do Fórum Metropolitano terá lugar o espectáculo teatral ‘A nena  de ninguén’, de Mafalda Garrido e Sergio Serrano. O proxecto, de La Zafirina e coproducido  xunto a Russafa Escènica, está ideado para todos os públicos. As entradas teñenun custo de 9 euros, con descontos especiais para as persoas posuidoras do Carné Xove, as que estean  en situación de desemprego e as maiores de 65 anos. 

A programación completa prevista co gallo do Día Internacional da Muller pode consultarse  na web do Concello, a través desta ligazón.