Friday 22 de November de 2024

Admitidas 13.499 persoas para participar nas oposicións a 89 novas prazas de acceso libre á Administración Xeral da Xunta


A Xunta reforza eidos prioritarios como a loita contra a fraude e o control das finanzas públicas, así como o corpo administrativo e o auxiliar

A Dirección Xeral da Función Pública admitiu 13.499 aspirantes para participar nas oposicións a 89 novas prazas de acceso libre á Administración Xeral da Xunta. Entre elas, ofértanse prazas nas escalas superior e técnica de finanzas, que permitirán reforzar eidos prioritarios como o control das finanzas públicas e a loita contra a fraude fiscal.

As listas provisionais de persoas admitidas nestes procesos selectivos publicaranse a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais, esta relación de admitidos e excluídos poderase consultar no portal web corporativo da Xunta de Galicia; no Servizo do Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; e nas oficinas de Información e Rexistro dos edificios administrativos da Xunta de Galicia.

Nestas convocatorias ofértanse 89 prazas de acceso libre, ás cales pode opositar calquera persoa que queira traballar na Xunta de Galicia e conte coa titulación correspondente. Estas prazas cubriranse polo sistema de oposición libre. Ademais hai un total de 7 prazas reservadas para persoas con discapacidade.

Das 13.499 persoas admitidas nestes procesos selectivos, 7.444 (392 pola quenda de discapacidade) aspiran a acceder ao corpo auxiliar (subgrupo C2) e 4.070 (212 para a quenda de discapacidade) ao corpo administrativo (subgrupo C1). Pola súa parte, no corpo de xestión (subgrupo A2) contabilízanse 1.149 admitidos, 65 deles pola quenda de discapacidade; mentres que no corpo superior (subgrupo A1) son 836 dos cales, 47 son para a rolda de discapacidade.

Estas oposicións permitirán reforzar distintos corpos de funcionarios da Administración xeral da Xunta de Galicia. En concreto, 15 prazas serán para o corpo superior (A1) e 10 prazas para o corpo de xestión (A2), que permitirán reforzar eidos prioritarios da Administración como a inspección e a loita contra a fraude. Ademais, a Xunta convocou 20 prazas para persoal administrativo (C1) e 44 prazas para auxiliares (C2).

Reclamacións e listas definitivas
Desde o día seguinte á publicación no DOG da resolución das listas provisionais de admitidos e excluídos, as persoas interesadas disporán de dez días hábiles para presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa precisa.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións presentadas, a Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, dará a coñecer as listas definitivas de admitidos e excluídos no DOG.