Saturday 16 de November de 2024

O domingo celébrase a XII Carreira Pedestre Concello de Camariñas, con 655 persoas inscritas


· A proba, que forma parte do Circuíto ‘Correndo pola Costa da Morte’ aumenta o número de inscricións con respecto ao ano pasado.

· A primeira carreira dará comezo ás 10 horas e a saída será desde a Avenida Ambrosio Feijoo.

· Haberá un dispositivo especial de tráfico para esa xornada.

O Concello de Camariñas celebra este domingo, 10 de marzo, a súa XII Carreira Pedestre, proba inaugural dunha nova edición do Circuíto ‘Correndo pola Costa da Morte’, na que participarán en total, entre todas as categorías, 655 persoas.

A XII Carreira Pedestre mellora os datos de inscrición con respecto á anterior edición, con 35 persoas máis que se anotaron ao circuíto e un aumento de 71 persoas participantes na carreira.

As probas, un total de seis, comezarán ás 10:00 horas, coa categoría sub-12. A categoría sub-10 terá saída ás 10:15 horas; a ‘3k contra o cancro’ ás 10:45 horas; a ‘3k sub 14-16-18 contra o cancro’ ás 10:45 horas; a 10K absoluta ás 11:30 horas, e a categoría Pitufos ás 12:45 horas. A saída e meta estará na Avenida Ambrosio Feijoó.

A carreira ten carácter solidario xa que se recadarán fondos para a Asociación Provincial Contra o Cancro a través da categoría 3K contra o cancro’ para persoas nacidas no ano 2008 e anteriores. Ademais, desde a organización habilitouse unha ‘Fila 0’ para que calquera persoa puidese facer o seu donativo aínda que non participe en ningunha proba.

Dispositivo de tráfico

O Concello despregará un dispositivo especial de tráfico durante a xornada do domingo, 10 de marzo, xa que a proba transcorre por diferentes rúas da vila de Camariñas, estando afectadas as seguintes vías: Ambrosio Feijoó, Cantón Miguel Feijoó, rúa do Río, Doutor Teixeira, Xoán Carlos I, Seara, Travesía de Seara, Estrada do Vilán, Alcalde Noguera Patiño, San Miguel, Areal, Eugenio López, Praza de San Xurxo, Pista Mourín e Riás.

No momento das diferentes probas o tráfico estará paralizado e é obrigatorio facer caso das indicacións dadas polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

Haberá restricións de aparcamento nas rúas Ambrosio Feijoó e Rampa durante toda a mañá do domingo, 10 de marzo, desde as 00:00 horas ata as 14:30 horas do mesmo día.