Friday 22 de November de 2024

Bergondo celebra os 20 anos de accións sociais do seu voluntariado cunha iniciativa sobre o traballo colectivo


· O obxectivo da formación “Ética, voluntariado e traballo en colectivo” é profundar e expoñer a potencia que o voluntariado ten sobre o territorio.

O Concello de Bergondo é consciente da importancia e dos beneficios que o voluntariado xera, por iso pon en marcha a iniciativa “Ética, voluntariado e traballo en colectivo”, unha formación que ten como obxectivo precisamente poñer en valor e potenciar todas as accións positivas que a acción social ten sobre o territorio. Ademais, aproveitarase para celebrar un gran acto para conmemorar o 20 aniversario da acción social do voluntariado municipal.

Este programa desenvolverase entre os meses de abril e maio no edificio sociocultural da Senra, e contará con tres partes diferenciadas:

• Ética na intervención social. Esta conferencia dará inicio á programación. Impartida por Virxinia Alonso, membro do Comité de Ética en Intervención social (CEIS) As Mariñas; terá lugar o venres 5 de abril entre as 9:30 e as 11:30 horas.
• Traballo en colectivo para a transformación social. Desenvolverase os xoves 11, 18 e 25 de abril e 2 de maio en horario de 9:30 a 11:30 horas e estará impartido por integrantes de Rexenerando S. Coop., unha cooperativa especializada en facilitación de grupos.
• V de Bergondo. Como punto final, o xoves 9 de maio, ás 18:00 horas, celebrarase un acto aberto a toda a cidadanía para celebrar o 20 aniversario de acción social do voluntariado do Concello de Bergondo.

As actividades son completamente gratuítas e a reserva de prazas farase a través dos Servizos Sociais do Concello: ben sexa a través o correo electrónico serezabel.rodriguez@bergondo.gal, do teléfono 981.791252 ext. 4 ou na oficina en horario de 8:30 a 15:00 horas de luns a venres.

Desde o goberno local de Bergondo destacan “a gran cantidade de accións desenvolvidas dende a nosa agrupación de voluntarios, un colectivo que conta cunha extensa traxectoria, digna de louvanza e de recoñecemento. Ademais, está conformado por persoas que deciden, de forma altruísta, dedicar parte do seu tempo de lecer a mellorar a vida dúas demais veciños e veciñas do concello”. Aproveitan para facer un chamamento aos bergondeses e bergondesas para que “se animen a participar na iniciativa e tamén na agrupación de voluntarios”.