Friday 22 de November de 2024

A Xunta abre o prazo de presentación de candidaturas aos Premios Artesanía de Galicia 2016


Os galardóns teñen por obxectivo recoñecer o talento dos artesáns galegos e impulsar a innovación e a remuda xeracional

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar os Premios Artesanía de Galicia 2016, que teñen por obxectivo recoñecer o talento dos artesáns galegos e impulsar a innovación e a remuda xeracional, e cuxo prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 14 de xuño.

Os galardóns divídense en tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2016, dotado con 6.000 euros, Premio Traxectoria de carácter honorífico e a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 3.000 euros para investir en formación.

A posta en marcha deste certame enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, e cumpren diferentes obxectivos incluídos no mesmo, como contribuír á posta en valor do sector artesanal galego e á divulgación do traballo dos profesionais entre a sociedade, potenciar a creatividade, promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada, impulsar o relevo xeracional, así como apostar pola introdución da innovación e do deseño en todos os procesos de produción.

Na última edición resultaron premiados a ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada, que recibiu o premio Artesanía de Galicia; o artesán de Aguiño, Domingo Ayaso, carpinteiro de ribeira recoñecido co galardón Traxectoria; e a ceramista coruñesa Verónica Moar, que obtivo o premio Bolsa Eloy Gesto.

A categoría “Premio Traxectoria” ten por obxectivo facer un recoñecemento honorífico ao conxunto da traxectoria dun artesán, na que se valorará tanto a calidade da súa obra como ao seu compromiso coa divulgación e transmisión do oficio e dos valores positivos da artesanía. As candidaturas a esta categoría deberán ser presentadas por outros obradoiros ou por asociacións profesionais de artesáns, así como por outras entidades públicas ou privadas.

O “Premio Artesanía de Galicia 2016” está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A obra premiada será aquela que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a presentación e a calidade tanto nos materiais como no desenvolvemento desta.

Por outra banda, o Premio Bolsa Eloy Gesto ten a finalidade de potenciar o relevo xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Esta categoría premiará a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño, en función do carácter innovador do proxecto, o coñecemento que se pretende acadar coa formación, a incorporación das novas tecnoloxías e a aplicación da formación á elaboración dun produto artesanal innovador. Os interesados deberán contar con carta de artesán ou co obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía e terán unha idade máxima de 40 anos no ano 2015.

Xurado experto
O xurado estará composto pola directora xeral de Comercio ou a persoa na que delegue, cinco profesionais e expertos de recoñecido prestixio nos eidos da artesanía, do deseño e do comercio, que actuarán como vogais, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que realizará o labor de secretaria, con voz pero sen voto. O xurado decidirá os gañadores de cada categoría, que recibirán os galardóns nun acto público, e poderá ademais facer mencións honoríficas a aquelas candidaturas que desexen destacar nalgún aspecto.