Friday 22 de November de 2024

O BNG urxe ao goberno de Cabanas a adoptar medidas de seguridade urxentes no Paseo da Madalena


As labores de achique coordinadas polo alcalde converteron o Piñeiral “nunha lagoa” que está a provocar a caída de árbores

Nin as árbores nin o chan areoso do Piñeiral están preparados para soportar o volume de auga depositado estes días cos labores de achique coordinados polo alcalde de Cabanas, o popular Fernando Couce.

A acumulación de auga fai apodrecer as raíces, facendo que os piñeiros sexan máis vulnerábeis, o que ten provocado a caída de cando menos dúas árbores de gran envergadura, a última esta mesma mañá sobre o Paseo. Afortunadamente non houbo danos persoais a lamentar.

Por iso desde o BNG de Cabanas esixen que o Concello de Cabanas “adopte de maneira urxente e inmediata medidas de seguridade para previr accidentes, a comezar por prohibir o paso de peóns polo Paseo da Madalena”. A demanda cobra se cadra máis importancia logo de que caeran dous piñeiros “antes de que comece o temporal previsto para esta fin de semana”.
“Á neglixencia técnica e política da Xunta de Galiza como responsábel última das obras que se están a executar no Paseo da Madalena súmase á dun goberno local incapaz de xestionar unha situación de crise”, denunciou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela. “En vez de poñer as katiuskas para a foto, o que ten que facer o alcalde de Cabanas é esixirlle á conselleira Ethel Vázquez compromisos e solucións inmediatas para unha situación que ten responsábeis”.

Desde o BNG solicitan “a convocatoria dunha comisión urxente” que permita avaliar as actuacións da Xunta, a través de Augas de Galiza, para adoptar as medidas pertinentes.