· Un total de 74 estudantes dos centros educativos de Camariñas participarán en diferentes exercicios para desfrutar do mar e adquirir concienciación do seu valor natural.
‘O Mar na Escola’, o programa destinado a que os rapaces teñan contacto co mar, xa ten unha nova edición en marcha, que comezará esta semana. A iniciativa do Concello de Camariñas, que naceu hai 20 anos, pretende que os rapaces e rapazas que estudan no municipio accedan ao mundo marítimo a través de deportes náuticos e tamén alcancen unha concienciación de respecto co valor natural do mar.
O programa está destinado aos alumnos de 5º e 6º de Primaria dos colexios CEIP O Areal de Camariñas e CEIP Ponte do Porto, e de 1ºEso do IES Pedra da Aguia. En concreto, nesta edición participan 74 alumnos e alumnas, que probarán deportes como a vela ou o kayak.
En total, esta edición conta cunha clase teórica para cada curso, nas instalacións do Náutico de Camariñas, e un mínimo de catro saídas prácticas por grupo ao mar, co fin de adquirir uns coñecementos mínimos da navegación a vela, das mareas, dos ventos e das diferentes embarcacións.