Saturday 16 de November de 2024

O BNG de Culleredo denuncia o incumprimento do proxecto de reforma da Praza de Galiza do Burgo


O estado actual de desenvolvemento da obra de reforma da Praza de Galiza e a súa contorna deixa en evidencia a eliminación de 10 prazas de aparcamento, o dobre das xa eliminadas no proxecto.

Filtracións continuadas e novas fendas no garaxe situado baixo a praza evidencian que os traballos de impermeabilización non son efectivos.

O BNG solicitou xustificación das modificacións do proxecto.

O BNG de Culleredo ven de solicitar ao goberno municipal do PSOE a xustificación da eliminación de 10 prazas de aparcamento nas obras de reforma da Praza de Galiza no Burgo, que se mantiñan no proxecto aprobado e publicado no Perfil do Contratante e que xa prevía a eliminación doutras 10 prazas de estacionamento. Dentro das 10 prazas eliminadas inclúese unha praza para persoas con mobilidade reducida, situada na Rúa Alexandre Bóveda. Trátase dunha modificación no proxecto licitado que non aparece publicada no Perfil do Contratante, tal e como esixe a Lei de Contratos do Sector Público.

Máis alá desta modificación inxustificada do proxecto, visto o actual estado de desenvolvemento da obra, evidenciase que a reforma non está a cumprir co seu obxectivo fundamental: dar cumprimento á condena xudicial contra o Concello de Culleredo para resolver as filtracións de auga no garaxe que se sitúa baixo a praza. Novas fendas e filtracións deixan claro que a impermeabilización non é efectiva. Hai que lembrar que o Concello de Culleredo foi condenado hai catro anos a remodelar completamente a praza debido a defectos de construción na infraestratura que nunca debería terse recibido naquel estado hai máis de 20 anos.

Esta é unha demostración máis dos proxectos de “deshumanización” que o goberno municipal está a levar a cabo no Concello de Culleredo e que non ofrecen solucións reais aos problemas da veciñanza. Esta eliminación de prazas de aparcamento súmase ás da “humanización” da Avenida de Vilaboa, que agora provoca que poidamos ver vehículos ocupando as beirarrúas a diario; ou tamén a deficiente iluminación das beirarrúas e soportais, xa que a posición das luminarias está pensada máis para os vehículos que para as veciñas e veciños que camiñan pola noite ou para os negocios situados nestas vías.