A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal e a Asociación galega de axuda aos doentes con demencia tipo Alzhéimer (AGADEA) achegan á cidadanía un novo curso de balde que conta co financiamento da Federación Alzhéimer Galicia. Coidados compartidos é o nome desta acción dirixida a persoas coidadoras, tanto familiares coma profesionais, co obxectivo de formar e informar sobre o alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, así como servizos e recursos que contribúan a mellora-la calidade de vida de quen coida.
O curso impartirase nos días 14 e 15 de marzo, en horario de 10.00 a 14.00 horas, na Casa da Mocidade, a cargo de Alba Iglesias, psicóloga de AGADEA, quen asistiu ao acto de presentación coa concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a coordinadora da entidade para a zona do Barbanza, Lucía Fandiño.
“É importante atende-la veciñanza con algún tipo de demencia neurodexenerativa, pero tamén coidar aos seus coidadores. De feito, non é a primeira vez que traemos formación destas características”, apunta a edil.
No que respecta ao contido, abordaranse distintos conceptos, síntomas cognitivos e non cognitivos, terapias non farmacolóxicas, comunicación e autocoidado.
As inscricións formalizaranse de maneira presencial no local dos Servizos Sociais, no Servizo de Orientación Laboral do Concello ou mediante o teléfono de contacto de AGADEA 672705053. Existe un límite de prazas.