Historia, fitoterapia e musicoloxía son as tres temáticas nas que afondará o programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia na Pobra do Caramiñal.
Un total de 49 veciños e veciñas que superan os 50 anos de idade participan na sétima edición deste proxecto formativo e de extensión cultural que arrancou na tarde do 5 de marzo, no Auditorio do Museo Valle-Inclán e que conta coa colaboración da Concellaría da Cultura.
María González Blanco impartiu o primeiro seminario: A relevancia, a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural inmaterial galego: unha aproximación á historia da música galega e aos instrumentos de percusión. Esta materia contará no día 7 cun obradoiro.
Os coñecementos sobre Plantas medicinais: aplicacións e usos chegarán da man de María Pilar Riveiro López nos días 8 e 11, coa parte teórica primeiro e a práctica despois.
Finalmente, no día 13 tocará aprender da man de José Manuel Vázquez Lijó con Escolas, alumnos e mestres nas vilas e aldeas de Galicia (1750-1950), para, no día 14, visita-lo Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).