A maioría delas relacionadas co servizo de telefonía, talleres de reparación de automóbiles e compras de vehículos de ocasión.
Un centenar de persoas contactaron nos dos primeiros meses deste ano coa oficina municipal de información ao consumidor (OMIC) da Laracha tanto por vía presencial como telemática e telefónica para realizar consultas ou interpoñer reclamacións en materia de consumo.
A maior parte deses casos estiveron relacionados coas facturas do servizo de telefonía fixa e móbil, especialmente de produtos contratados por internet ou ofrecidos polas compañías de telecomunicacións aos clientes mediante chamadas telefónicas. Tamén foron numerosas as reclamacións relacionadas co sector da automoción, tanto de talleres mecánicos de reparación de automóbiles como da compra de vehículos de ocasión.
Como cifra concreta, no rexistro do Concello presentáronse entre xaneiro e febreiro 23 expedientes de reclamacións ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que ese organismo decidise se se someterían a mediación previa, a arbitraxe de consumo ou serían resoltas mediante outro tipo de vía administrativa.
A OMIC é un servizo municipal que ten por finalidade asesorar sobre os dereitos dos consumidores e, de ser o caso, acompañalos durante todo o proceso da reclamación, desde a preparación da documentación ata o rexistro da mesma. Está na Casa do Concello a disposición da cidadanía, sendo a maior parte dos seus usuarios laracheses, pero atendendo tamén consultas e reclamacións de persoas residentes noutros municipios da comarca de Bergantiños e tamén de Arteixo, entre outros. O horario de atención ao público é de uns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.
Venres de Consumo Responde
A OMIC da Laracha tamén colabora coa iniciativa Venres de Consumo Responde que impulsa o Instituto Galego de Consumo para ofrecer información de diferente índole ás persoas consumidoras cada venres ás 12:30 horas. Para participar nas conferencias de modo telemático só se require acceder nese horario á web https://consumo.xunta.gal/gl. O calendarios das próximas sesións no mes de marzo é o seguinte:
• 8 de marzo: Etiquetaxe de produtos.
• 15 de marzo: Día dos dereitos das persoas consumidoras.
• 22 de marzo: Viaxes.