As axudas increméntanse nun 2% con respecto ao ano 2015, acadando os 3.067.822 euros que teñen como finalidade manter arredor de 50 centros e 2.700 prazas
A Consellería de Política Social vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para o mantemento das escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social. Por primeira vez desde o ano 2009, se incrementa o orzamento destinado a estas axudas, acadando os 3.067.822 euros, o que supón un aumento do 2% con respecto ao ano 2015.
Estas axudas teñen como finalidade o mantemento dos centros co obxecto de compensar os gastos producidos desde o 1 de xaneiro ata a data de xustificación e os gastos que figuren como abonados durante ese período nos conceptos de gastos de persoal, gastos de alimentación ou outros gastos xerais de mantemento do centro.
A axuda anual para gastos de mantemento calcularase en función do número de unidades en funcionamento autorizadas da escola infantil de 0 a 3 anos e da prestación do servizo de comedor. Así, nos centros con servizo de comedor, a contía anual será de 18.873 euros para centros que teñan de 1 a 3 unidades; 18.011 euros para centros que teñan de 4 a 6 unidades; 17.149 euros para centros con 7 ou máis unidades; e por último, 15.340 euros para aqueles centros sen servizo de comedor.
Co fin de dotar dunha maior liquidez ás entidades subvencionadas a convocatoria prevé un anticipo do 50% cando a subvención supere os 18.000 euros e do 80% se e é inferior a esta cantidade.
Fomento da conciliación
O Goberno Autonómico exerce as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, así como, as de promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar.
A ampliación e mellora na calidade das escolas infantís de 0 a 3 anos como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, que contribúa á conciliación da vida laboral, persoal e familiar é un dos obxectivos da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. As familias galegas dispoñen actualmente de máis de 20.500 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, de xeito que hoxe ofrecen cobertura a 1 de cada 3 cativos (cumprindo así a ratio aconsellada pola Unión Europea).
A constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil de 0 a 3 anos como proxecto artellado e de calidade en que participen as entidades privadas de iniciativa social é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Esta orde de axudas ten como finalidade materializar neste momento de redifinición do modelo da educación infantil de 0 a 3 anos a contribución da administración galega ao sostemento dos centros existentes e fomentar así a mellora da súa calidade.
PAN Concilia
Esta axuda enmarcase dentro da área PAN-Concilia do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), un programa que procura dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo mediante axudas e incentivos fiscais para afrontar os gastos que supón o nacemento dun fillo ou filla, o desenvolvemento de medidas de conciliación que faciliten o acceso e a permanencia no mercado de traballo e a posta a disposición de recursos e servizos tanto sociais como sanitarios. Deste xeito o PAN estrutúrase en tres grandes áreas de acción como son o PAN-Axudas, o PAN-Concilia e o PAN-Servizos.
O PAN-Concilia alberga accións de sensibilización e medidas como o incremento de prazas na rede pública de escolas infantís, as casas niño, as axudas para accións de conciliación, o distintivo para establecementos que apoien á atención dos nenos e nenas, o Bono Coidado, o Bono Conciliación, un proxecto para a apertura de escolas infantís en parques empresariais ou a aposta pola flexibilidade horaria e o teletraballo.
Precisamente, ao abeiro do Bono Conciliación (unha axuda para aquelas familias que queiran levar os seus fillos ou fillas a unha escola infantil e non teñan praza sostida con fondos públicos) dotarase en 2016 unha partida económica de 3,4 millóns de euros que permitirá a concesión dun mínimo de 2.600 bonos, o que equivale a 1.400 novas prazas que se incorporan ás 20.500 financiadas con fondos públicos.