Saturday 16 de November de 2024

Rosón valora como “un primeiro paso para reconducir as relacións” entre Xunta e Concello o protocolo de colaboración sobre o parking do CHUS elaborado por Raxoi


Defende que é a Xunta quen ten que asumir “as súas competencias de planificación da mobilidade no entorno do CHUS” á marxe de que o concello colabore nas actuacións de reurbanización e accesos fóra da parcela do SERGAS

“Agardamos que a Xunta saiba estar á altura e a alcaldesa non se levante da mesa de negociación, porque urxe un acordo” afirma

Un primeiro paso “para reconducir as relacións entre Xunta e Concello”, así valoran desde o Grupo Socialista o protocolo de colaboración para ofrecer unha solución de mobilidade no entorno do Hospital Clínico que vén de elaborar Raxoi. Mercedes Rosón insiste de que é a Xunta quen ten as competencias de planificación da mobilidade no entorno do CHUS e que ofrecer “unha solución de mobilidade aos seus traballadores” pero defende que o Concello “ten que poñer da súa banda” ao cofinanciar as obras no exterior da parcela do SERGAS.

A edil socialista lembra que no pasado mes de novembro aprobouse unha moción conxunta dos tres grupos de esquerdas da Corporación -PSdeG, BNG e CA- na que precisamente se instaba á Xunta a acometer unha solución integral que resolvese os problemas de aparcadoiro que existen na contorna do Clínico “máis tendo en conta que da servizo a 46 concellos de toda Galicia, algúns de fóra da provincia”.

“É a Xunta quen ten que financiar un aparcadoiro que queren situar nunha parcela da súa exclusiva propiedade” insiste Rosón que defende que se trata dun servizo supramunicipal xa que “dos 450.000 usuarios do CHUS, só o 20% son da nosa cidade”.

“Urxe un acordo”

Mercedes Rosón reclamoulle a alcaldesa “que non se levante da mesa de negociación” e agarda que a Xunta “saiba estar á altura” logo deste primeiro paso. Insiste en que “urxe un acordo polo ben das veciñas e veciños de Santiago”.

Precisamente nesta liña respalda que desde a administración local se abra a posibilidade de financiar o 20% das actuacións necesarias para acometer a reurbanización do ámbito que non estea dentro da propia parcela do SERGAS e acometer as expropiacións necesarias para mellorar os accesos.