O Concello de Santiago enviou onte á Xunta de Galicia unha proposta de convenio na que se recollen unha serie de compromisos por ambas partes para mellorar non só a “calidade e cantidade dos servizos sanitarios” senón tamén a “mobilidade, as zonas de estacionamento e a adecuación ao territorio”. Para isto, o Concello propón ao organismo autonómico a elaboración dun proxecto de interese autonómico (PIA) para a contorna do CHUS que estaría financiado nun 80% pola Xunta e nun 20% polas arcas municipais. A alcaldesa de Santiago deu conta desta proposta nunha rolda de prensa.
A alcaldesa salientou que esta nova proposta remitida á Xunta supón un “avance xeneroso e significativo” por parte do Concello con vistas a “chegarmos a un punto de acordo en beneficio da veciñanza de Santiago”. En concreto, o documento propón a realización dun proxecto de interese autonómico (PIA) que permita “cubrir os intereses comúns” das dúas partes no tocante á integración urbana das novas instalacións do complexo hospitalario.
Neste sentido, para Goretti Sanmartín, tanto a ampliación do Hospital Clínico Universitario como a construción do Centro de Protonterapia de Galicia son “unha oportunidade” para lograr “unha integración no conxunto dese territorio e desa contorna”. Para isto, é necesario “ordenar o espazo libre da parcela do CHUS e a contorna do hospital, integrando aparcamentos para persoas con necesidade especiais de mobilidade e autobuses así como outras construcións para mellorar os accesos, como a semiglorieta existente na confluencia da rúa da Volta do Castro coa travesa da Choupana”, detallou a rexedora.
Goretti Sanmartín insta á Xunta a que promova a aprobación dun proxecto de interese autonómico (PIA) na contorna do CHUS, “consensuando co Concello de Santiago o ámbito do proxecto” no que defina “as características e a localización das actuacións” para que a partir disto o Goberno municipal poida modificar o planeamento urbanístico en consonancia.
A alcaldesa tamén defendeu a necesidade da colaboración interinstitucional no tocante á execución, dirección e supervisión no ámbito do PIA no que o SERGAS asumiría o financiamento do 80% das obras que se desenvolvan fóra da parcela sanitaria e o Concello colaboría co 20% do orzamento.
Ao respecto da construción do aparcadoiro dentro da parcela do SERGAS, a rexedora recoñeceu que hai “un punto de discordancia” entre as dúas institucións xa que o Concello considera que “non é a mellor opción” en termos de edificabilidade aínda que recordou que “a Xunta de Galicia ten os mecanismos necesarios e pode activalos” para levar a cabo este proxecto, sempre tendo en conta “que conleva unha serie de obrigas para a integración na súa contorna que podería resolver o PÍA”.
Entre os compromisos comúns ás dúas administracións recollidos no protocolo de colaboración, a alcaldesa destacou a habilitación de prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación do hospital de Santiago, que no caso municipal se concreta nas novas 150 prazas da parcela á beira do CIMUS cuxas “obras van empezar nestes días”. O Concello tamén se compromete a realizar melloras no transporte urbano para facilitar o acceso.
Compromisos da Xunta
Entre os compromisos da Xunta o protocolo de colaboración recolle a habilitación das prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación do hospital de Santiago; a aprobación do proxecto de interese autonómico (PIA), así como a elaboración, aprobación e financiamento dos proxectos técnicos da totalidade das obras incluídas neste, e dos proxectos de urbanización que o desenvolvan. Ademais, a Xunta debe asumir a contratatación da execución, dirección e supervisión financiando con cargo aos seus orzamentos, o 100% das obras incluídas dentro da parcela titularidade do SERGAS e o 80% as obras que, dentro do ámbito do PIA, se desenvolvan fóra da parcela titularidade do SERGAS.
Tamén debe asumir as obrigas, como promotora da actuación, da expropiación dos terreos necesarios para a execución do proxecto de Interese Autonómico, a excepción dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de remate da glorieta prevista na confluencia da rúa da Volta do Castro coa travesa da Choupana e cumprir os deberes inherentes á clase de solo resultante do proxecto, como entidade promotora.
Ademais da elaboración dun plan de interese autonómico (PIA) para a contorna do CHUS, o Concello tamén solicita á Xunta reordenar e racionalizar o uso dos espazos de aparcamento existentes na súa parcela para unha mellor accesibilidade ao hospital, implementar unha oferta de transporte público metropolitano que conecte co CHUS e se integre co sistema de información do transporte colectivo de Santiago, e establecer un plan de transporte ao traballo (PTT) para facilitar os desprazamentos das persoas traballadoras do CHUS.
O documento tamén recolle o compromiso do organismo autonómico de investir 3,5 millóns de euros en actuacións de abastecemento e saneamento no rural de Santiago para o cofinanciamento do 70% de cada un dos proxectos que se acorde.
Compromisos do Concello de Santiago
Pola súa banda, o Concello de Santiago comprométese a modificar o planeamento urbanístico de xeito simultáneo á aprobación do instrumento de ordenación do territorio nas cuestións afectadas polas determinacións do PIA, así como a obter os bens e dereitos necesarios para o remate da glorieta prevista na confluencia da rúa da Volta do Castro e da travesa da Choupana.
Ademais de colaborar co 20% do orzamento das obras que se executen para desenvolver o proxecto de interese autonómico (PIA) situadas fóra do ámbito da parcela do SERGAS, o Concello de Santiago poría a disposición da Xunta de Galicia os terreos de titularidade municipal necesarios para a súa execución así como para completar a actual dotación de prazas de aparcamento na zona.
A proposta tamén recolle a posibilidade de aplicar a bonificación do 95% na liquidación do imposto sobre construcións, obras e instalacións que se xire como consecuencia das actuacións promovidas polo SERGAS.
O Concello comprométese a mellorar o transporte urbano con maiores frecuencias e cobertura e coa incorporación deste na plataforma de mobilidade 4.0 impulsada polo goberno autonómico, a habilitar prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación do hospital e das obras na parcela resto da matriz da nova reserva EU-7 do polígono 2 do plan parcial do SUP-5, e a mellorar o acceso ao servizo de taxi dende as instalacións hospitalarias.