As persoas interesadas poden participar no conxunto das sete carreiras ou apuntarse para a XII Carreira Popular da Torre do próximo 23 de marzo
A proba volverá contar cunha andaina conmemorativa polo Día da Muller
O Concello da Coruña abre desde hoxe o prazo de inscrición para o XI circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que comezará o vindeiro sábado 23 de marzo coa XII Carreira Popular da Torre – Trofeo J. A. Varela Calviño. As persoas interesadas poden apuntarse ao conxunto das sete probas ou de maneira individual.
O Goberno de Inés Rey aposta decididamente pola programación destas carreiras populares, que trasladan aos barrios da cidade o fomento do deporte na rúa. Unha das principais novidades deste ano é a inclusión de Xuxán dentro da carreira de Matogrande, que terá lugar o 15 de setembro. Ademais, o pasado 25 de febreiro, durante o medio maratón C21, tivo lugar a proba 5K que serve de toma de contacto para o circuíto Coruña Corre.
A XII Carreira Popular da Torre, única proba nocturna do circuíto, servirá tamén para conmemorar o 15 aniversario do faro como Patrimonio da Humanidade da UNESCO. A proba partirá do paseo dos Menhires e transcorrerá polo paseo Marítimo, no tramo recentemente humanizado polo Concello, ata as instalacións do Oceanográfico, onde as persoas participantes darán volta para chegar ata os pés da Torre de Hércules. A distancia total da proba será de 6.350 metros. As carreiras de menores, cun total de seis categorías, terán lugar no paseo dos Menhires, con circuítos que irán de 150 a 800 metros de distancia. Ademais, tamén terá lugar a IV Andaina conmemorativa do Día da Muller ‘Xuntas somos imparables’,
con inscrición gratuíta.
Nesta e no resto de probas do circuíto poderán participar atletas populares e federados.
Haberá dúas posibilidades de inscrición. A primeira delas será a inscrición única ao circuíto, que dará dereito a participar nas sete probas e será a única maneira de puntuar para o circuíto e optar aos premios. Xerarase un dorsal único e as persoas participantes deberán confirmar a súa asistencia proba a proba. O prazo de inscrición ao circuíto rematará ás 23.59 horas do domingo 5 de maio, data na que finaliza o prazo para a terceira proba do ano, a XV Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. Por outra banda, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira independente en cada carreira ata as 23.59 horas do domingo anterior á celebración da proba.
A inscripción ao circuíto terá un coste total de 24 euros (12 euros de cota e 12 euros o chip) ou 19 euros (7 euros a cota e 12 de chip) para persoas desempregadas, de máis de 65 anos e con Carné Xove. A inscrición de menores é gratuíta. Por outra banda, as persoas que participen só nesta primeira proba terán que aboar unha cota de 3 euros e 2 euros polo chip refugable, ou un total de 3 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e posuidores do Carné Xove.
As inscricións e toda a información sobre o circuíto e os seus servizos pode consultarse nas
Horarios e servizos
As carreiras de categorías inferiores comezarán o sábado a partir das 17.00 e rematarán ás 18.30 horas. A entrega de premios para as persoas gañadoras destas probas será ás 19.10 horas no podio situado no Frontón da Torre. A carreira absoluta será ás 20.00 horas e a entrega de premios será, no mesmo lugar que as inferiores, ás 21.15 horas. A andaina comezará cinco minutos despois da proba absoluta e todas as persoas participantes lucirán un dorsal gratuíto conmemorativo que deberán solicitar cun prazo de inscrición que tamén rematará ás 23.59 horas do domingo 17 de marzo.
As persoas participantes, tanto no circuíto como na proba, deberán recoller os seus dorsais e chips no Frontón da Torre, o venres 22 de marzo, das 17.00 ás 21.30 horas, e o sábado 23 de marzo, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo de cada unha das carreiras.
Haberá servizo de duchas e gardarroupa na Cidade Deportiva da Torre, só dispoñible para persoas participantes.
Calendario XI Coruña Corre
● 23 de marzo: XII Carreira Popular da Torre de Hércules
● 7 de abril: XI Carreira Popular Volta a Oza
● 12 de maio: XV Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma
● 2 de xuño: XI Carreira Popular dos Rosales
● 15 de setembro: VIII Carreira Popular de Matogrande – Xuxán
● 20 de outubro: X Carreira Popular do Ventorrillo
● 24 de novembro: XII Carreira Popular de Novo Mesoiro