Estas accións formativas sumaranse ás que xa se veñen desenvolvendo de xeito presencial (e que se retomarán este mesmo mes), para facilitar así o acceso das persoas interesadas a este carné
A Consellería do Medio Rural autorizará proximamente a organización e desenvolvemento de cursos on line para obter o carné de aplicador manipulador de produtos fitosanitarios, consonte coa normativa vixente ao respecto. Estas accións formativas sumaranse ás que xa se veñen desenvolvendo de xeito presencial (e que se retomarán este mesmo mes), para facilitar así o acceso das persoas interesadas a este carné, que é preceptivo para a compra-venda e o emprego de produtos fitosanitarios de uso profesional. Desta forma darase resposta ás demandas dos agricultores que, de acordo coa lexislación vixente, precisan do dito carné para a adquisición e utilización deste tipo de produtos.
Ademais, a formación complementarase con accións divulgativas sobre a normativa e a programación de cursos a través dun folleto informativo específico que se distribuirá nos servizos centrais da Consellería, nas Oficinas Agrarias Comarcais e xefaturas provinciais deste departamento da Xunta, así como na súa páxina web.
Así llelo transmitiu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables da Asociación de Traballadores Autónomos de Comercio Agrícola da Provincia de Pontevedra (APCAPO) nunha xuntanza de traballo celebrada a pasada semana en Santiago. Esta reunión serviu para coordinar con este colectivo a posta en marcha das correspondentes accións formativas e informativas, tendo en conta que a devandita asociación centra a súa actividade na comercialización deste tipo de produtos.
No encontro tamén se analizaron as xestións que se van desenvolver, por parte da Consellería, para avanzar na regulación e posta en marcha da figura do técnico asesor, que tamén figura na normativa relativa ao uso de fitosanitarios.
Uso sostible
O Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, establece o marco de actuación para acadar un uso sostible dos produtos fitosanitarios. Este decreto modifica a normativa anterior no tocante á obtención do carné de usuario de produtos fitosanitarios nos seus niveis de capacitación básico e cualificado, fixando o 26 de novembro pasado como data límite para que se garanta o acceso á formación aos usuarios profesionais.