Dez títulos de campioa de España, catro récords galegos, catro récords nacionais e máis de dez participacións en campionatos internacionais son os datos que refrendan a renovación do contrato de patrocinio que establece o Concello da Pobra do Caramiñal coa lanzadora de xavelina Lidia Parada. Por iso e co obxectivo de apoiala no seu obxectivo de chegar aos xogos olímpicos de París de 2024, a Administración local decidiu incrementa-la contía asignada ata os 6 000 euros: 4 000 euros fixos e 2 000 euros en caso de asistir ás olimpíadas.
O alcalde, José Carlos Vidal, manifestou a importancia de establecer este vínculo cunha deportista de elite amplamente recoñecida, polo que se “entende procedente levar a cabo un contrato de patrocinio coa finalidade de garanti–la difusión da imaxe do noso concello e á vez axudar para o sostemento económico da atleta, para levar a cabo o seu proxecto e poder así centrarse a fondo no duro percorrido que supón cumprir cos seus obxectivos deportivos.”
A este respecto tamén se pronunciou o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, quen reiterou que “cremos firmemente na aposta polo deporte e en apoiar tódalas disciplinas deportivas.” Co establecemento deste patrocinio búscase que a deportista se poida centrar na súa preparación para poder optar a un dos grandes eventos deportivos mundiais, sinalou o edil.
Pola súa parte, a atleta Lidia Parada agradeceu a implicación do Concello da Pobra do Caramiñal, institución da cal recoñeceu que sempre tivo apoio, especialmente trala época que sufriu de lesións. Este contrato é un incentivo que lle permitirá dedicarse con tranquilidade á práctica para supera-la súa marca persoal de 61 metros ata consegui-los 64 metros e incorporarse aos Xogos. “Para min é un orgullo”, insistiu.
Entre as obrigas figuran que a atleta deberá inseri-lo logotipo da Área dos Deportes do Concello da Pobra do Caramiñal nun lugar visible do equipamento oficial. Participará tamén en actividades municipais deportivas e doutra índole, así como vídeos promocionais. Realizaranse sempre por un acordo mutuo e sen interromper ou afectar de maneira negativa adestramentos e competicións.