A alcaldesa trasladoulle os parabéns pola prata acadada no Mundial de Doha, proclamándose subcampioa na proba de 10 quilómetros e clasificándose para os Xogos Olímpicos de París 2024
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá á nadadora María de Valdés, subcampioa do mundo de natación na modalidade de augas abertas. A deportista é membro do Club de Natación Liceo da Coruña e xa fora subcampioa de Europa de 2022 na modalidade 5 quilómetros en augas abertas. Ademais, é bolseira do Concello a través do programa de bolsas para deportistas individuais impulsadas polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de apoiar aos deportistas da cidade.
A alcaldesa trasladoulle os parabéns en nome da cidade pola prata acadada no Mundial de Doha o pasado mes de febreiro, proclamándose subcampioa do mundo na modalidade 10 quilómetros en augas abertas. De Valdés clasificouse deste xeito para os Xogos Olímpicos de París 2024. “É unha honra para A Coruña que María leve a nosa cidade ao máis alto do deporte mundial” explicou Rey.