— O certame ten como obxectivo potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño
— Ademais dun premio en metálico, os gañadores poden incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
— As ideas gañadoras abarcan unha ampla gama de temáticas, desde a arte urbana e a sustentabilidade ambiental ata a inclusión e a moda personalizada
Un total de seis institutos e centros integrados de FP veñen de alzarse cos premios do concurso Eduemprende Idea 2023, un certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de incentivar a realización de proxectos empresariais entre o alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.
As persoas participantes debían presentar ideas de negocio orixinais que puideran dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo, deste xeito, a cultura emprendedora entre o alumnado. Os seis proxectos premiados, tres na modalidade de ciclos de grao medio e tres na modalidade de ciclos de grao superior, recibirán un total de 12.000 euros a razón de 3.000€ para o 1º premio, 2.000€ para o 2º e 1.000€ para o 3º.
Así mesmo, os gañadores poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
Os seis proxectos premiados nesta edición foron os seguintes:
Modalidade A (Ciclos grao superior) Centro Concello Proxecto
1º Premio IES Rosalía Mera A Coruña Street Art Galicia
2º Premio CIFP Politécnico Santiago Mam Madeira
3º Premo CIFP Montecelo Pontevedra Mía Creativa
Modalidade B (Ciclos grao medio) Centro Concello Proxecto
1º Premio CIFP Fontecarmoa Vilagarcía de Arousa Green Paws
2º Premio IES A Pinguela Monforte de lemos
StyleClo
3º Premo CIFP Compostela Santiago de Compostela Laetus
As ideas gañadoras abarcan unha ampla gama de temáticas, desde a arte urbana e a sustentabilidade ambiental ata a inclusión e a moda personalizada, demostrando a capacidade de xerar solucións innovadoras para satisfacer as necesidades e desexos da sociedade contemporánea. O seu enfoque na inclusión, a sustentabilidade e a experiencia do cliente marca un estándar elevado para a innovación empresarial cun impacto positivo na sociedade.
Proxectos da modalidade de ciclos superiores
A proposta Street Art Galicia, do Instituto IES Rosalía Mera (A Coruña), que se alzou co primeiro premio na modalidade de ciclos superiores, busca converterse nunha plataforma de referencia para a arte urbana galego, ofrecendo un catálogo dixital e físico de obras, entrevistas con artistas e actividades relacionadas.
O segundo premio desta modalidade foi para o Centro Integrado de FP Politécnico, de Santiago de Compostela con Mam Madeira, un proxecto de carpintería sostible, utilizando principalmente madeira reciclada para crear produtos únicos que contribúan á creación de espazos acolledores.
O terceiro premio, Miña Creativa do Centro Integrado de FP Montecelo de Pontevedra, céntrase no deseño gráfico e a xestión web cun forte compromiso coa inclusión, ofrecendo medidas para garantir a accesibilidade dos contidos en liña para persoas con diversas condicións.
Proxectos da modalidade de ciclos de grao medio
Na modalidade de ciclos de grao medio, o primeiro premio recaeu no Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa) coa proposta Green Paws, que aborda o benestar animal e a sustentabilidade mediante a construción de casetas para animais rueiros utilizando materiais reciclados e unha aplicación para localizar e rexistrar a estes animais.
O segundo premio foi para o Instituto IES A Pinguela (Monforte de Lemos) con StyleClo, unha aplicación móbil de moda que permite aos usuarios crear combinacións de roupa de maneira rápida e sinxela, con suxestións personalizadas baseadas no clima, a ocasión e as preferencias individuais.
Por último, o terceiro premio desta modalidade recaeu no Centro Integrado de FP Compostela con Laetus, que aspira a converterse nunha cadea de gastrobares de luxo en Santiago de Compostela, fusionando a tradición culinaria galega con influencias de América e Asia para ofrecer unha experiencia gastronómica única.