Friday 22 de November de 2024

Marta Abal reúnese cos sindicatos de Raxoi para abordar a necesidade dunha planificación de recursos humanos a medio prazo


A edil socialista presentoulles o Plan Estratéxico que o PSdeG sacou adiante no pleno deste xoves por unanimidade para programar as necesidades de persoal a cinco anos vista

“Estaremos vixiantes, tamén en contacto coa forza sindical, para garantir que ese plan vai adiante” afirma

Marta Abal reuniuse cos sindicatos UGT, CCOO e CUT que teñen presencia no Concello de Santiago para presentarlles a proposta que os socialistas sacaron adiante este xoves por unanimidade no pleno da Corporación instando ao goberno a elaborar un Plan Estratéxico de Recursos Humanos 2025-2030.

“Coincidimos todas e todos na necesidade de abordar unha planificación das necesidades de recursos humanos do Concello para facer fronte ao relevo xeracional e co foco posto en reforzar servizos que agora están tensionados” explica a edil socialista, que insiste na “oportunidade” que se abre a partir do próximo ano coa eliminación da taxa de reposición anunciada polo ministro de Función Pública, José Luís Escrivá.

Unha taxa de reposición que ata o de agora limitou a renovación de persoal na administración pública, tendo como resultado, un déficit de recursos humanos en algunhas áreas que provoca que certos servizos municipais estean agora “tensionados”. Abal insiste en que, ante o cambio por un novo modelo de proxección “de que efectivos fan falta e onde fan falta”, é preciso “estar preparados” para aproveitar a oportunidade.

Así, a moción que os socialistas levaron a pleno esta semana e que recibiu o apoio unánime de todos os grupos da corporación, insta ao goberno local a elaborar un Plan Estratéxico para o período entre 2025 e 2030, que deberá presentar no primeiro trimestre do vindeiro ano. E que ademais deberá incluír elementos que permitan a “avaliación dos servizos prestados e elementos que permitan vencellar a produtividade e a calidade do servizo a compoñentes do salario”.

“Estaremos vixiantes”

A edil socialista comprometeuse a fiscalizar o traballo do goberno local na elaboración deste plan estratéxico, en contacto tamén cos sindicatos: “para ser unha administración áxil temos que contar co persoal necesario, agora tócalle ao goberno local cumprir co acordo plenario”.

E é que un dos retos que afronta o Concello no futuro é o relevo xeracional cunha plantilla da que se xubilará, nos vindeiros 10 anos, o 40% segundo as estimacións dos socialistas.