Trátase dun obradoiro gratuito para familias con nenas nenos de 0 a 6 anos. Fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.
Que unha nena ou neno se encabuxe por non poder facer o que quere é algo polo que pasaron todas as familias e ata pode considerarse normal -dentro dunha orde- como parte do crecemento infantil, sobre todo nas primeiras etapas da vida. Porén, as perrenchas das crianzas hai que saber como levalas ou, mellor dito, como reconducilas, para que este tipo de situacións estean sempre baixo control. Nesta cuestión vai estar centrado o próximo obradoiro da Escola de Familias, que terá lugar o mércores a partir das 17:00h na Casa da Cultura. Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos e para participar fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.
Algunhas das claves para xestionar os encabuxamentos infantís dánolas a UNICEF na súa web, partindo de que se trata dun comportamento normal no desenvolvemento das nenas e nenos e que as perrenchas son máis frecuentes e intensas nunhas crianzas que noutras, ademais de empeorar co cansanzo, coa fame ou con calquera tipo de malestar (isto sobra dicilo).
Tamén son máis habituais na rapazada de 1 a 4 anos e responden a situacións nas que a nena ou neno non pode controlar o seu medo ou a súa rabia. Por iso, o primeiro que podemos facer é previr antes de que se desencadee o conflito, recorrendo a unha distracción ou cambiando o seu foco de atención. Se sabemos que unha situación lles causa estrés ou excesiva frustración, mellor evitala ata que saiba, coa nosa axuda, como xestionala doutra maneira.
E se a situación se produce igualmente, o primeiro é manter a calma, o segundo axudarlles a saír desa situación dándolles contención emocional -e que saiban que lles imos axudar- e, en terceiro lugar, se non responde á contención, non poñer o foco no que provocou a perrencha, senón que debemos darlles tempo e espazo ata que lles pase, manténdonos dispoñibles en todo momento. Tamén é importante non ceder ante o que a nena ou neno queira, para evitar que estableza unha relación causa- efecto entre o encabuxamento e o logro do seu obxectivo.
Unha vez que todo pase, podemos expresarlle a alegría de que por fin conseguise recuperar o control e ensinarlle cal tería sido a mellor maneira de actuar ou de expresar o que sentía, estimulando que use as palabras en vez recorrer aos choros e berros.
Entender como funciona a psicoloxía infantil e saber como poñer límites sen violencia son os dous temas principais da Escola de Familias do próximo mércores 6 de marzo. O tema é abondo complexo de abordar e por iso a sesión desenvolverase de 17:00 a 19:00h, coa finalidade de aprender estratexias que se poidan poñer en práctica na casa, resolver dúbidas ou expoñer casos concretos.
Recordamos que a Escola de Familias ten lugar na Casa da Cultura e fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.