Friday 22 de November de 2024

A Unidade de Condutas Adictivas leva atendidas a 2.156persoas desde a súa apertura hai 30 anos


Tanto os profesionais sanitarios coma o goberno municipal consideran un anacronismo que este servizo siga dependendo do concello

Os concellos galegos que acollen unidades de condutas adictivas, así coma o propio persoal sanitario que presta servizo nelas, levan anos reclamando o seu traspaso ao Sergas. No ano 2022 constituíuse unha comisión mixta Fegamp-Xunta para abordar a transferencia destes centros, pero a día de hoxe segue sen materializarse. A piques de cumprir 30 anos, desde a UCA de Carballo reitérase a necesidade de rematar cunha situación que a súa directora, a psicóloga Lourdes Suárez, cualifica como “anacrónica”.

Froito dese anacronismo, o Concello de Carballo ten no seu cadro de persoal profesionais sanitarias coma unha psicóloga ou una enfermeira, que, ademais, funcionalmente dependen do Sergas. E tamén é a Consellería de Sanidade a que financia o custe do servizo, que ademais ten ámbito supracomarcal, xa que atende a veciños e veciñas de toda a Costa da Morte. “Non ten sentido, nin é operativo nin funcional, que un centro sanitario dependa dun concello”, apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, que considera que se está asumindo unha competencia claramente impropia.

Estas reflexións serviron como introdución da presentación do balance anual da UCA, na que, ademais da directora do servizo e do alcalde, participaron o psiquiatra da unidade, David Castedo, e a concelleira de Sanidade, Maica Ures.

A Unidade de Condutas Adictivas de Carballo cumprirá 30 anos neste 2024, e desde a súa apertura leva atendido a 2.156 persoas. O volume asistencial do ano 2023 foi de 484 usuarios/as (390 homes e 94 mulleres), un 21,6% máis que o ano anterior. O motivo deste incremento é que, despois de case dous anos sen facultativo médico, no 2023 cubriuse por parte do Sergas ese posto, cun psiquiatra que presta atención dous días á semana.

Os/as pacientes atendidos o ano pasado na UCA foron derivados desde 11 centros de saúde da Costa da Morte. Aínda que a unidade naceu no seu momento para dar resposta aos graves problemas de drogadicción, e que a cifra de usuarios/as dos programas de tratamento por consumo de drogas ilegais seguen sendo maioría (276 no 2023), cada vez son máis os/as que participan en programas de tratamento por consumo de drogas legais (200 o ano pasado), sobre todo alcohol, pero tamén se duplicou o número de pacientes por adicción ao tabaco.

Na UCA aténdense todo tipo de adiccións: ás novas tecnoloxías, ao xogo, ás compras, á pornografía… cada vez máis frecuentes, sobre todo entre a xente nova. O servizo está aberto ás familias que queiran recibir información ao respecto.