Friday 22 de November de 2024

22 empresas locais participan na Feira das Oportunidades do CCA, que este ano adianta a súa apertura ao venres pola tarde


Volve a Feira das Oportunidades do CCA! A cita anual coas mellores ofertas do comercio carballés regresará ao Rego da Balsa do 8 ao 10 de marzo, adiantando a súa apertura ao venres pola tarde. Máis horas para comprar e o mesmo compromiso coa calidade e a variedade de sempre, os ingredientes que, como apuntou o presidente do Centro Comercial Aberto, Germán Riveiro, na presentación da feira, converten a Feira das Oportunidades nun evento de sona en toda Galicia.

Germán Riveiro estivo acompañado pola xerente do CCA, Mª Carmen Freire, e polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que expresou os seus parabéns ao Centro Comercial Aberto “pola continuidade, porque así é como se pode fidelizar o público”. O alcalde asegurou que a Feira das Oportunidades é un punto de encontro anual “polo que a sociedade está agardando”, e reiterou o apoio do Concello “para seguir favorecendo a economía local, porque é algo que reforza a propia sociedade”.

A Feira das Oportunidades do 2024 arrincará o 8 de marzo ás 17.00 horas e rematará o domingo 10 ás 20.00 horas. Durante esta longa fin de semana atoparemos unha variada representación do comercio local, con 20 postos no interior da carpa dos sectores máis diversos e dous máis no exterior do ramo da automoción. Moda e calzado para toda a familia, deporte, agasallos, complementos… e todo con nome local, xa que, como indicou Mª Carmen Freire, todas as empresas participantes son de Carballo.

Desde o CCA agradeceron a colaboración da Brigada Municipal de Obras, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, así como as achegas económicas da Dirección Xeral de Comercio e do Concello de Carballo para poder organizar a Feira das Oportunidades, que ten un orzamento estimado de 25.000 euros.

TOMA NOTA!
• Datas: 8, 9 e 10 de marzo
• Lugar: carpa situada no aparcadoiro do Rego da Balsa
• Horarios: día 8, de 17.00 a 21.00 horas; día 9, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00, e día 10, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas
• Establecementos participantes: A Fragua, Akira, Atelier, Atmósfera Sport, Benetton, Calzados Susa, CCA Carballo, DV Carballo, Jorge Moda, Maker Store, Maluca Lobe, mmmm! Xeador, Moda Suárez, Necos, O barco dos soños, O rastrillo, Refugallo Zero, regalosyregalitos.com, Xoguetería Merliño, Zocas, Dimolk e Vcar