— A nova edición do ciclo ‘Olladas de muller’ inclúe 15 títulos e ábrese o día 5 cun coloquio con Jaione Camborda e Laura Ferrés seguido da proxección das curtas Rapa das Bestas e Los desheredados
— A carteleira mensual principia mañá cunha sesión especial de Lois Patiño no Planetario da Casa das Ciencias
— O xoves 21 comezará unha retrospectiva da cineasta estadounidense Su Friedrich baixo o nome de ‘Lazos que unen’
A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente.
Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.
Outras tres longametraxes completan o ciclo: as recentes películas Secaderos, de Rocío Mesa, e Entre las higueras, de Erige Sehiri, xunto a recuperación dun clásico do feminismo dos anos 70 como é Not a Pretty Picture, de Martha Coolidge. O sábado 9, a filmoteca ofrece unha sesión de seis curtametraxes dirixidas por mulleres galegas e portuguesas.
Experiencia sensorial
Antes de Olladas de Muller, a carteleira mensual arranca mañá venres ás 18,00 h. cunha sesión especial de Lois Patiño no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, baixo o título Luces recorren mi garganta. Trátase dunha experiencia sensorial, para a que se utilizará como pantalla de proxección a cúpula circular do edificio e na que o cineasta vigués propón un xeito diferente de ver a súa obra a partir de fragmentos de El sembrador de estrellas e Sycorax.
A actividade volverá á sede da cinemateca da Xunta ás 20,30 h. cun pase do filme Sanz y el secreto de su arte, de Maximiliano Thous e Francisco Sanz, en colaboración con Filmoteca de Valencia e no marco da difusión dos arquivos que atesouran as filmotecas do resto de España.
Xa o sábado 2, ás 18,00 h e con entrada tamén de balde, terá lugar un apartado Off Galicia dedicado a Nela Fraga, na que a cineasta galega presentará o seu filme en Súper 8 Exposed.
A mirada feminista de Su Friedrich
Olladas de muller non será a única presenza feminina durante o mes que comeza. Entre finais de marzo e comezos de abril, baixo o título Lazos que unen, a Filmoteca de Galicia dedícalle unha sección á cineasta estadounidense Su Friedrich, organizada coa colaboración do Festival Punto de Vista de Pamplona. Haberá tres sesións os días 21, 22 e 26 de marzo coa proxección de seis películas. Os filmes Gently Down the Stream e Hide and Seek da directora serán os primeiros incluídos nesta retrospectiva.
Su Friedrich naceu en New Haven (Connecticut) en 1954. Licenciada en Arte e Historia da Arte, en 1976 mudouse a Nueva York para desenvolver o seu traballo como fotógrafa. Xusto ao ano seguinte descubriría a súa verdadeira vocación nun curso de cine en Súper 8 no Millennium Film Workshop. Do Súper 8 das primeiras curtas pasou aos 16 mm e, desde 2004, filma en dixital. Escritas, filmadas, montadas e sonorizadas por ela (salvo algunha excepción puntual), nas súas películas presta especial atención á unión de textos, sons e imaxes de variada procedencia. Os seus traballos teñen a virtude de resultar accesibles tanto a público cinéfilo como xeral, incluso a persoas non afeitas ao cine experimental, feminista ou queer.
Máis de Kaurismäki e Pedro Costa
A Filmoteca de Galicia continuará tamén o ciclo protagonizado por Aki Kaurismäki que o propio director finlandés inaugurou presencialmente o pasado 7 de febreiro. Desta volta, proxectaranse Contraté un asesino a sueldo (días 14 e 15), La vida de Bohemia (días 19 e 20), Agárrate el pañuelo, Tatiana (días 21 e 27) e un programa con varias das súas curtas (días 22 e 26).
Finalmente, en marzo remata o programa Cancións de Pedro Costa, dedicado ao cineasta portugués. O día 12 proxectarase Fueros Humanos, de Frank Borzage, e o día 13 a película Juventude em Marcha. Ademais, o sábado 16 haberá unha sesión de tres curtas, onde o último traballo de Costa, As Filhas de Fogo, compartirá pantalla con La Morte Rouge, de Víctor Erice, e Puissance de la parole, de Jean-Luc Godard.
Creacións galegas, animación e novas dixitalizacións
Ademais, a sección Fóra de serie ofrecerá o día 14 o filme Don Juan, de Serge Bozon; o día 19 os títulos Alicia fai cousas, de Ángel Santos, Din que non falas, de Santos Díaz, e Por la pista vacía, de Pablo García Canga; e o día 20, o último filme de Pablo García Canga, Las tierras del cielo, presentado polo propio autor.
Dentro de Filmoteca Jr, o público familiar ten unha cita o día 23 co programa Dunia y otros cuentos del mundo, coa proxección dos filmes de animación Dunia, Cinema Rex, America e Bango Vassil.
A nova entrega da sección Materiais para unha historia do cinema en Galicia trae o 15 de marzo a dixitalización de Un viaje por Galicia, un documental gravado entre 1953 e 1958 nas viaxes á terra que fixo Manuel Arís, galego emigrado en Montevideo. Dentro deste novo apartado, a Filmoteca ten como obxectivo compartir co público parte do seu arquivo, facendo fincapé nas restauracións e dixitalizacións realizadas ao abeiro do Hub Audiovisual de Galicia, financiado no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.
As sesións do ciclo Olladas de muller, Materiais, As filmotecas presentan e Filmoteca Jr. son de entrada gratuíta. Para o resto, estarán á venda no despacho de billetes do número 10 da rúa Durán Loriga desde 20 minutos antes do inicio da correspondente proxección, cun máximo de dúas entradas por persoa.