O venres 8 de Marzo celébrase o Día Internacional da Muller, como data na que reivindicar igualdade real de dereitos para nós, as mulleres, e sumar a toda a sociedade á loita feminista, que simboliza a unión non só da muller, senón tamén dos homes conscientes dun cambio necesario e imparable que compense séculos de desequilibrios e inxustizas. O que se reclama co gallo do #8M é algo que se debería levar á práctica en todos os ámbitos -na casa, na empresa, no ensino, nos medios…- todos os días do ano e non cincunscribirse só aos actos programados arredor da celebración, tendo en conta ademais que a igualdade de xénero vén recollida no punto 5º dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, cuxo cumprimento para o 2030 está asumido asumidos por Administracións, colectivos e persoas a título individual. Para recordárnolo, a área municipal de Igualdade organizou varias actividades que arrancarán o día 8 e que continuarán ata finais de mes.
A primeira desas accións será a lectura do manifesto institucional o venres 8 ás 12:00h diante da Casa do Concello. Unha lectura que irá acompañada do izado da bandeira feminista, ademais do acto simbólico de pendurar no enreixado un mandilóns e casacas do persoal do SAF, do servizo de limpeza do Concello e das mestras da EIM A Rolada. Deste xeito búscase visibilizar o labor que fan maioritariamente as mulleres en relación cos traballos no fogar, os coidados e otras actividades diarias que, precisamente pola feminización social, teñen pouca visibilidade e están pouco valorados -tamén en termos salariais- malia ser fundamentais.
O sábado 9 a partir das 17:00h terá lugar na Casa da Xuventude o primeiro dos obradoiros de Tempos para compartir deste 2024. Estará conducido pola deseñadora local Llanos Luaces, quen explicará como debuxar e pintar sobre bolsas de tea -as coñecidas como totebags- para personalizalas con deseños e lemas alusivos á igualdade. As prazas son limitadas e fai falla inscrición previa a través do 695 876 178 ou mandar un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.
As cativas e cativos entrevistarán en Youtube á futbolista Bea Seijas
Xa o mércores 13, a iso das 18:00h, rapazada das escolas deportivas municipais de volei e fútbol ofrecerá unha entrevista por streaming coa adestradora de fútbol sala Beatriz Seijas, que estará centrada na igualdade no mundo do deporte. A emisión farase desde o salón de plenos e poderá seguirse a través da canle de Youtube e do Facebook do Concello de San Sadurniño. Ademais quedará gravada para poder vela en calquera outro momento.
Seijas é seleccionadora do equipo galego alevín e sub-16 de fútbol sala feminino e adestradora de 2ª división. Foi, ademais, xogadora de 1ª división, convocada na Selección Española e dúas veces mellor xogadora estatal e outras tantas mellor xogadora galega. Entre os seus éxitos cabe destacar unha Copa da Raíña e unha Copa de España de fútbol sala.
Entrega de premios e música
A área de Igualdade, en colaboración co CPI, tamén organiza un concurso de microrrelatos con perspectiva de xénero. Todos os traballos exporanse na Casa da Cultura o sábado 16 a partir das 18:00h. Será no marco dun encontro en que se entregarán os premios do certame e no que tamén poderemos escoitar á poeta local María Teresa Pouso.
Pouso foi unha das participantes no obradoiro de escritura creativa que se organizou o pasado mes de novembro con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Os textos saídos desa actividade tamén compartirán espazo no recibidor do centro cultural coas redaccións da rapazada e a mocidade do colexio.
A última das actividades con motivo do 8M tamén terá lugar na Casa da Cultura –sábado 23 de marzo, 18:00h– e estará ocupada pola música. E é que as escolas municipais de gaita, pandeireta e baile tradicional, ademais dos grupos da Asociación Brío, sumaranse a un encontro que, segundo informan desde a área de Igualdade “quere pechar nun ambiente festivo o programa do Día Internacional da Muller”.