Thursday 21 de November de 2024

O curso “Laboratorio de son para dummies” abre un programa formativo do Concello de Brión para mellorar as competencias dixitais da veciñanza


As próximas sesións formativas serán “Comunicación dixital: como crear contido en RRSS” e “Robótica e impresión 3D”

O Concello de Brión, a través da Aula CeMIT brionesa, vai desenvolver unha programación formativa especial neste primeiro semestre do ano para mellorar as competencias dixitais da súa veciñanza. Unha iniciativa que arrincará esta mesma semana co curso “Laboratorio de son para dummies”, unha acción formativa dirixida a persoas interesadas na música e na produción musical por ordenador.

“A nosa intención é que os veciños e veciñas que participen nestes cursos adquiran unha serie de coñecementos, habilidades e actitudes que lles permitan utilizar a tecnoloxía de maneira creativa e segura, ao tempo que mellore a súa capacitación á hora de atopar un emprego ou simplemente desfrutar do seu tempo de ocio”, explica o alcalde, Pablo Lago. Por iso, a este primeiro curso seguirano outras actividades como: “Comunicación Dixital: como crear contido en Redes Sociais” e “Robótica e impresión 3D”.

Laboratorio de son

Este primeiro curso, “Laboratorio de son para dummies” está dirixido a persoas que estean interesadas en iniciarse no mundo da produción musical, pois ao longo das 16 horas teóricas y prácticas aprenderán os coñecementos básicos sobre produción musical e as utilidades dos distintos elementos que conforman un home studio. As clases terán lugar todos os sábados de marzo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, na Aula CeMIT de Brión, no baixo da Biblioteca Municipal.

O prezo é de 20 euros por persoa e o número de prazas está limitado a 12, que é o número de equipos da Aula CeMIT, polo que a inscrición será por rigorosa orde de anotación, con preferencia para persoas empadroadas en Brión. As inscricións poderán realizarse de forma telemática ou presencial, empregando o formulario dispoñible na web municipal (www.concellodebrion.gal).