Saturday 16 de November de 2024

Fin de semana de oportunidades nunha nova edición do Outlet Fene


O Concello de Fene organiza esta fin de semana o Outlet Fene, no que participan 20 establecementos nos que poderán mercar centos de produtos a prezos máis económicos

Para a celebración do Oulet Fene, a Rúa Cañotas terá restricións de aparcadoiro e circulación a partir da tarde do xoves

A área de promoción económica do Concello de Fene organiza esta fin de semana unha nova edición do Outlet Fene, unha cita na que unha vintena de establecementos ofrecerán produtos de calidade a prezos máis vantaxosos. Será o venres e o sábado, en horario de 10 a 14h e de 17 a 20h, e o domingo entre as 10.30 e as 14h.

Alén de servir para que as tendas poidan reducir stock nos seus almacéns, o Outlet ten tamén como obxectivos potenciar o comercio local e a fidelización dunha clientela que atopará produtos rebaixados e tamén outras novidades de temporada. O xénero será do máis diverso, incluíndo roupa, calzado, mercerías ou agasallos, entre outros.

“O Outlet supón unha gran oportunidade, tanto para os establecementos que queren alixeirar existencias con prezos competitivos, como para as persoas que queren aforrar uns cartos nas súas compras”, explicou a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira. “Ademais, as persoas que se acheguen ao Outlet poderán desfrutar das obras do Perla Mural Fest, entre eles o que vén de ser nomeado como Mellor Mural do Mundo”, engadiu Coira.

Desde o Concello habilitaranse mesas e haimas para que os establecementos que o solicitaron poidan expoñer os seus produtos no exterior, e tamén prepararon animación a cargo do grupo Airiños de Fene, que fará un pasarrúas entre as 18 e as 20 horas do venres e do sábado, e o domingo de 12 a 13 horas.

O Outlet de Fene conta con 20 establecementos participantes, distribuídos pola Avendia Marqués de Figueroa, o Cruce de Fene, a Avenida Naturais, a Rúa do Concello e a Rúa da Fraga. Son A Tenda Agasallos, Berline Boutique, Bualá, Calzados Locay, Dama, El Baúl de Bego, Jomer, Kenia, Koralli, Lanas Gena, Lencería Loly Calvo, Lualé 114, Más Sport, Mayka Moda, Mercería e Lencería Costuras, Munda Mayuka, Pachú, Un Pedacito de Mí, Zapatería Mismores e ZSR Zapatería.

Restricións no aparcadoiro

Debido á celebración do Outlet, desde a Policía Local de Fene infórmase da prohibición de estacionar e circular na Rúa Cañotas desde as 17.00h deste xoves, 29 de febreiro, até as 15.00h do domingo día 3.