A Concellaría de Medio Ambiente e Praias realiza un seguimento constante da evolución dos desprendementos
O Concello de Carballo está a realizar un seguimento permanente da evolución dos desprendementos que se están a producir nos noiros de Razo, unha praia fósil que se caracteriza pola composición xeolóxica dos acantilados, de cantos e area, e que está a sufrir, con especial intensidade nos últimos anos, os efectos da erosión natural dos cantís.
Este mes asistimos a un novo derrubamento, nesta ocasión na zona da explanada. Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, e Seguridade, Juan Seoane, para ver o alcance dos desprendementos.
Desde a Demarcación de Costas solicitouse ao Concello de Carballo a sinalización da zona afectada, e así se procedeu por parte do servizo de Protección Civil. Pero, dado o avance do proceso de erosión que provoca os derrubamentos, hoxe mesmo desde a Concellaría de Medio Ambiente e Praias remitiuse ao organismo estatal unha petición para que se axilice todo o posible a execución do proxecto de consolidación dos noiros que está en tramitación, e que, en todo caso, de xeito provisional se acometan as medidas precisas para salvagardar a seguridade das persoas usuarias da praia de Razo.
Desde o Concello de Carballo poñémonos a disposición da Demarcación de Costas para colaborar, dentro das competencias municipais, nese proceso de consolidación dos noiros da praia de Razo.