O Concello de Oleiros sacou a contratación por 100.150 euros, impostos incluídos, unha asistencia técnica para a captación de fondos europeos e axudas nacionais, autonómicas e provinciais. Trátase dun contrato por dous anos con posibilidade doutros dous de prórroga e un valor estimado de 165.538 euros. Semella que perante a incapacidade do Concello de optar con garantías aos fondos e axudas de diferentes institucións, precisa externalizar e privatizar na práctica máis unha competencia pública para non seguir coa preocupante sangría de fondos públicos que lastran proxectos esenciais para o Concello.
Pedimos ao Concello que remate con estas prácticas de externalizar e procedan a actuar coa debida dilixencia na procura de fondos públicos cuxa perda afecta tan gravemente á cidadanía.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Enésima gasolineira de autoservizo no concello, e pegada a unha corrente fluvial
Publicouse recentemente a intención dunha cadea de gasolineiras de baixo custe de establecer unha destas gasolineiras en Iñás, perto da NVI, á altura dun coñecido hipermercado de xardinaría na avenida das Mariñas. Pola descrición achamos que este proxecto localizaríase a escasos 28 metros do Rego de San Pedro, perto de onde vai discorrer o chamado Paseo do Rego que xa se está a realizar. A gasolineira sería de autoservizo, polo tanto non crearía ningún posto de traballo . Segundo estudos da Xunta da Galiza
Preguntaremos ao Concello acerca destas novas do proxecto de nova gasolineira no Concello. Tamén cuestionaremos se xa foi solicitada a autorización preceptiva a Augas da Galiza pola proximidade da corrente fluvial.
O Concello debe rematar adxudicando contratos sen a debida transparencia, especialistas que abeiran unha decisión que nada teñen que ver co contrato, ausencia de motivación, informes que nada explican, tal e como acredita o TACGAL
A adxudicación do contrato de limpeza viaria do Concello de Oleiros á empresa Valoriza foi un procedemento sen a debida transparencia, especialistas que abeiran unha decisión que nada teñen que ver co contrato, ausencia de motivación, informes que nada explican… conclúe o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL). Moi deficiente pois en transparencia, que é o principio vertebrador da contratación pública en relación con todos os licitadores implicados e coa cidadanía que vai pagar os contratos. Agora toca reiniciar o procedemento de licitación cos atrasos que vai supor.
Pediremos ao Concello que remate con estas prácticas incompatíbeis coa mínima dilixencia na contratación pública.
Saída obstruída á Avenida das Mariñas (NVI) pola rúa Mandín
A saída das veciñas de Mandín á Avenida das Mariñas (NVI) pola rúa Mandín foi pechada e bloqueada sen ningunha notificación, cartaz identificativo ou calquera comunicación coas veciñas. Posteriormente abriuse unha nova saída cara a Avenida das Mariñas froito da rotonda da Vía Ártabra, á altura de Jardiland. As veciñas demandaron información sobre estas obras e modificacións circulatorias por rexistro ante a Demarcación de Estradas do Estado e o Concello de Oleiros, sen que houber resposta algunha. Existe forte malestar entre a veciñanza do lugar pola ignorancia á que están sendo sometidos, a privación da saída natural e tradicional á NVI de sempre, as modificacións das liñas do autocarro escolar, a reubicación dos contentores do lixo e a inexistencia da recolocación de postes da luz (farolas) e a perigosidade da incorporación á Avenida das Mariñas, todo elo froito das obras executadas. O concelleiro do BNG de Oleiros visitou a zona para reunirse coas veciñas afectadas escoitando as súas lóxicas demandas e levará o asunto ao pleno ordinario de febreiro.
Preguntaremos ao Concello por esta situación?.