Friday 22 de November de 2024

O Concello acondiciona as vías que absorberán o maior volume de tráfico durante as obras na ponte da Milagrosa


Nos próximos días quedará instalada tamén sinalización informativa tanto para condutores/as coma para viandantes

O Concello está a acondicionar varias vías. No caso concreto da Santa Ana, as obras forman parte do proxecto realizado por Augas de Galicia, coa colaboración do Concello, no San Martiño.

O Concello de Carballo está a acondicionar as vías que absorberán o maior volume de tráfico durante o desenvolvemento das obras de reforma da ponte da Milagrosa e de creación dunha canle de augas altas nese punto, incluídas no plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns.

Nestes momentos están en execución os traballos de demolición dun edificio da rúa do Sol que invade a canle do río, e que xa fora adquirido polo concello hai máis de quince anos coa finalidade de eliminalo para que as augas recuperen parte do espazo ocupado polas edificacións. As obras realízanse pola parte traseira, o que permite manter a vía aberta, pero o peche da ponte é inminente.

Nos vindeiros días colocarase toda a sinalización, tanto para condutores/as coma para viandantes, con información sobre as rutas alternativas. Ao mesmo tempo, están en marcha as obras de acondicionamento das vías que soportarán máis tráfico, como é o caso da Santa Ana, ao longo do parque de San Martiño, onde se procedeu hoxe ao aglomerado. Ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales.

Plan de tráfico
Carballo ten nestes momentos un volume de tráfico de paso moi elevado, tanto de turismos coma de vehículos pesados. Para cada tipo de vehículos estableceranse diferentes percorridos, que estarán sinalizados con paneis informativos e dirección nos accesos e principais cruces.

a) Tráfico pesado

O tráfico pesado supón un problema diario pola falta de alternativas como unha circunvalación. O peche da ponte da rúa do Sol suporá a prohibición total de entrada de vehículos de máis de 5T na zona urbana, agás aqueles que se dirixen á avenida de Razo, por non dispoñer doutra opción, e dos autorizados para carga/descarga ou transporte público.

Os percorridos propostos para o tráfico pesado son:
• DP1905/DP1914 – Rotonda da Milagrosa – Av. Fisterra – Av. Revolta – AG-55
• Polígono – AG-55 – Av. Revolta – Av. Fisterra – Av. Milagrosa – Rotonda Milagrosa- DP1905/DP1914

As alternativas xa foron comunicadas á Dirección Xeral de Tráfico para que se inclúan nos dispositivos de navegación e os condutores sexan redirixidos mesmo antes de entrar na zona urbana.

b) Tráfico de turismos e furgonetas
Permítese a circulación en casco urbano pero deséñanse os seguintes percorridos para redirixir o tráfico de paso polas vías de maior capacidade:

• Os vehículos procedentes de DP1905 e DP1914 dirixiranse cara Av. Milagrosa – Río Anllóns – Av Fisterra – Vicente Risco – Luis Calvo- Perú (rotonda Ponte da Pedra).
• Os vehículos procedentes de Vila de Negreira ao chegar á rotonda dirixiranse por rúa Sol (os que vaian cara Malpica) e por Santa Ana, San Martiño, Río Miño para os que se dirixan cara DP 1905/DP1914.

Para evitar o colapso do cruce Río Miño/San Martiño prohibirase a entrada de vehículos procedentes da Av Milagrosa en Río Sil e Río Miño e modificarase o cruce de Río Miño con San Martiño obrigando ós vehículos procedentes de Río Miño a xirar cara o San Martiño, priorizando o tráfico procedente de rúa Santa Ana.

No cruce de Río Anllóns con Río Miño prohíbense os xiros á esquerda tanto para os vehículos procedentes de Río Anllóns coma para os procedentes de Río Miño. Así mesmo, instalarase unha rotonda provisional na Av. da Milagrosa na confluencia con Río Miño para mellorar a fluidez do tráfico de saída de Río Miño.

c) Autobuses
a) Os procedentes de DP1905 e DP1914 deben redirixirse cara a estación de autobuses e dende alí cara o centro de saúde por Luis Calvo – Perú. O regreso será pola mesma vía.

b) Río Anllóns, Santa Ana e Sol

As empresas de transporte que operan no concello xa foron informados sobre as alternativas segundo as rutas a realizar, con especial incidencia no transporte escolar.

d) Peóns
O corte da ponte da Milagrosa tamén vai supor a falta de conexión de parte do barrio co centro urbano. Un dos nexos será a ponte do San Martiño, pero tamén se acondicionarán e sinalizarán os pasos polas rúas Costureiras e Manuel Barreiro.

Desde o Concello de Carballo agradecemos a paciencia e a colaboración da veciñanza. Agardamos que o desenvolvemento das obras sexa rápido e que a coincidencia dos traballos nas pontes da rúa Sol e da Casilla sexa o menor tempo posible.