Friday 22 de November de 2024

A Pobra pon un ano máis o foco no papel da muller na ciencia


A novena edición das Xornadas Muller e Ciencia que promove a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal abordará os microplásticos e a actividade física nas mulleres. Esta convocatoria atópase conformada por dúas conferencias que se impartirán no 2 de marzo, en horario de tarde, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

 

Xunto coa asesora xurídica á muller, María Pérez, e a axente da igualdade, Carolina Rodríguez, durante o acto de presentación a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, enfatizou que estas xornadas xorden “da necesidade de seguir sumando esforzos para pór en valor, visibilizar e fortalece-la figura da muller no eido da ciencia.” Animou así tódalas persoas a asistir a esta iniciativa que neste ano achega dous temas de actualidade.

 

Cristina López Villar, licenciada en Educación Física e doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ofrecerá o simposio O que non che contaron sobre a actividade física das mulleres, ás 18.00 horas. A relatora forma parte do equipo de investigación Educación, Saúde e Actividade Física: Estudos de Xénero, enfocado na perspectiva feminista aplicada ás ciencias do deporte, con liñas vinculadas á historia das mulleres deportistas e á pedagoxía feminista en educación física.

 

O ámbito medioambiental será tratado por Gloria María Pena Uris, doutora en Química e profesora titular da Universidade de Vigo, na área da Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica, quen disertará sobre Microplásticos: un problema que debemos coñecer e abordar, a partir das 19.00 horas.

 

A entrada é libre ata completa-la cabida, ademais de podelas seguir polo streaming a través da canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

 

Co obxectivo de favorece-la asistencia das persoas interesadas, disponse dun obradoiro de conciliación para a rapazada. Habilitarase na praza de abastos, onde as crianzas estarán acompañadas por monitorado especializado. Se ben é de balde, require a inscrición previa no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.