Saturday 16 de November de 2024

O Concello e Agadea colaboran en cadanseu programa para activar mente e corpo das persoas maiores


O próximo un de marzo comezan os programas de envellecemento activo que poñen en marcha a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Asociación Galega de Axuda a Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer, e que se desenvolverán en varios centros socioculturais tanto do ámbito urbano como do rural. Haberá dúas actividades diferentes: unha delas dirixida ao adestramento mental e a outra pensada para a activación física das persoas maiores.

O concelleiro de Dereitos e Servizos Sociais en funcións, Xan Duro, presentou hoxe os programas de “Adestramento Mental” e “Activa o teu corpo”, que o Concello de Santiago pón en marcha en colaboración con Agadea. Foi nunha rolda de prensa na que tamén participaron a presidenta da asociación, Isabel Gey, e a coordinadora da entidade para a zona de Santiago, Lucía Fandiño. O edil salientou que estas actividades “responden á necesidade de políticas que procuren un envellecemento saudable e activo da poboación, e máis nun municipio como Compostela no que viven máis de 23.000 persoas maiores de 65 anos”. Atendendo ás características demográficas de Compostela, o programa desenvolverase fundamentalmente nas parroquias do rural.

A presidenta de Agadea, Isabel Gey, incidiu na importancia da prevención e da pronta detección das enfermedades dexenerativas, “e nesa liña van estes programas que atenden á actividade física, cognitiva e social”. Nese sentido, Lucía Fandiño explicou que o obxectivo destes programas “é levarlle a dianteira á demencia, detectar posibles casos para que as persoas afectadas reciban canto antes atención máis profesionalizada”.

Programa de adestramento mental

A primeira das actividades na que colaboran o Concello e Agadea é un programa de adestramento mental, que ten como obxectivo incentivar a axilidade mental e previr posibles deterioros cognitivos entre as persoas maiores, traballando con elas a memoria dunha maneira dinámica e distendida. Para iso, nas sesións abordaránse cuestións teóricas sobre o envellecemento saudable, e realizaránse exercicios, tanto grupais como individuais, relacionados coa memoria ou a comunicación.

O programa trata de fomentar a autonomía, a independencia, o benestar e a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias, ao tempo que permite detectar posibles casos de empeoramiento cognitivo. Tal e como explicou a presidenta de Agadea, as sesións compleméntanse con excursións, saídas pola contorna ou diferentes celebracións. Ademais, no marco da actividade prevénse actividades para a sensibilización coas demencias, como o visionado de diferentes documentais; e tamén para o achegamento das novas tecnoloxías ás persoas maiores, coa utilización de diferentes aplicacións para a realización e exercicios mentais.

O programa de adestramento mental vaise desenvolver ata o mes de novembro nos centros socioculturais de Lavacolla e Enfesta, coa participación de máis dunha vintena de persoas.

Programa Impulsa o teu corpo

O Concello e Agadea tamén colaboran no programa “Impulsa o teu corpo”, que nace da importancia da actividade física para un envellecemento saudable. Neste caso haberá tres grupos no ámbito urbano e seis no rural.

As sesións están, en todos eles, deseñadas para preservar as capacidades físicas das persoas participantes e para fomentar a súa autonomía, atendendo cuestións como o equilibrio, a coordinación, ou a psicomotricidade. Para iso, nas sesións desenvolveránse mesmo rutinas de exercicios inmersivos na realidade virtual, mediante o suo de lentes que permiten que as persoas usuarias vaian incrementando o grao de dificultade da actividade en función da súa evolución e da súa condición persoal. No caso de que durante a realización das actividades se detecten dificultades salientables, a actividade prevé a realización de valoracións individualizadas para posibles derivacións aos servizos saniarios e sociais correspondentes. Ademais, e de forma paralela, o programa trata de mellorar a autoestima e as relacións sociais das persoas participantes, con visitas a museos, excursións e diferentes celebracións.

Este proxecto desenvólvese na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños, no centro sociocultural das Cancelas, e nos centros das parroquias da Peregrina, Figueiras, Nemenzo, O Eixo, Lavacolla e Busto. En total, no programa participarán 150 persoas ata o mes de novembro.