Friday 22 de November de 2024

Prazas vacantes no programa de actividade física adaptada Móvete+ para pacientes oncolóxicos


Móvete+ é un programa de actividade física adaptada para mellorar a calidade de vida de mulleres que están a atravesar algún proceso oncolóxico ou que xa o pasaron.

Móvete+ é una actividade física que busca contribuír a mellorar a calidade de vida das mulleres que están nalgún proceso oncolóxico ou que xa o pasaron. Esta actividade está dirixida a reducir os efectos secundarios dos tratamentos recibidos e que poderían cronificarse: fatiga, sufocos, trastornos do sono, alteracións na concentración e a memoria etc. Ao tempo, tamén busca incrementar e mellorar a autoestima das participantes, o seu benestar emocional, a súa sexualidade e as súas relacións sociais, así como tecer unha rede de coidados sobre a que apoiarse e afrontar as dificultades do día a día.

O programa está dirixido a mulleres empadroadas no Concello de Oleiros que están nalgún proceso oncolóxico ou que xa o pasaron.

As sesións celebraranse os venres na Pista Polideportiva cuberta de Meixonfrío (Santa Cruz) e terán 1,5 horas de duración. Existen dous grupos, en atención ao horario: un de 10:30-12:00h e outro de 12:00 a 13:30h.

Para participar no programa, calquera persoa interesada pode dirixirse ao seu Centro de Saúde e falar co/a médico/a de referencia ou ben cos Servizos Sociais do Concello de Oleiros, onde se lle indicará como acceder ao mesmo. A ficha de inscrición deberase presentar por rexistro.

Máis información, nos teléfonos 981 610 000 – Ext. 3503 | 3120 e no correo igualdade@oleiros.org ou igualdadeoleiros@gmail.com.